Despexada a incógnita sobre a decisión da CUP


Despexada a incógnita sobre a decisión da CUP, despois dun intenso debate que levou incluso a un sorprendente empate a 1.515 votos na asemblea celebrada en Sabadell o pasado día 27, este domingo 3 de xaneiro o Consello Político e o Grupo de Acción Parlamentar da CUP en reunión conxunta decidiron negar o seu apoio a Artur Mas como novo Presidente da Generalitat de Catalunya, o que supón a inminencia dunhas novas eleccións autonómicas ao rematar na vindeira semana o prazo para a elección de President.

Si ben a CUP dille a Junts pel Sí  que o seu voto é contra Mas e non contra outro posíbel candidato a esa proposta non lle vexo viabilidade dado que guste ou non guste hoxe a figura de Mas dentro do centro-dereita nacionalista é básica para que ese importante sector non se baixe do proceso independentista; e con isto non estou nin defendendo nin borrando toda a actuación de Mas á fronte do seu goberno. A política faise en base a movementos e a símbolos como deixa claro coa súa decisión a CUP, e para [email protected] cupaires e para [email protected] sectores da esquerda catalá e dos movementos sociais a actuación de Mas en moitos aspectos foi a actuación dun demo coas súas políticas neoliberais e por iso piden a súa cabeza, pero as figuras son poliédricas e non se pode negar o papel de Mas como punto de unión co proceso independentista de sectores moderados da pequena e media burguesía que até hai ben pouco contentábanse cos pactos, fundamentalmente económicos e de asunción de competencias entre Catalunya e o goberno central, sectores que en moitos casos foron arrastrados por Mas até aquí.

As eleccións que se celebren no mes de marzo non terán nada a ver coas do 27 de setembro nin interna nin externamente, pois entre elas houbo seis meses de tiras e afloxas que supuxeron un desgaste para un proceso independentista que até a Diada do 11 de setembre de 2015 non fixera máis que sumar pobo ampliando dun xeito exponencial a participación en cada unha das iniciativas celebradas que xestionadas fundamentalmente pola ANC tiñan detrás a todos os sectores sociais e políticos nacionalistas e independentistas e a amplos sectores catalanistas non independentistas, uns por convicción democrática firme e outros levados pola marea.

É moi previsíbel unha perda de apoios do bloque independentista e un importante aumento da marca coa que se presenten Podemos (...) de producirse isto estaríamos diante dunha redución moi importante da capacidade de presión de Catalunya sobre o estado

Na memoria da sociedade catalá dentro duns meses, cando cheguen as novas eleccións, estarán presentes dous feitos, que a maioría a favor do proceso froito do 27 de setembro non foi quen de poñerse de acordo e que as eleccións do pasado 20 de decembro gañounas En Comú Podem, a marca asociada a Podemos cunha perda de apoios para o conxunto do nacionalismo, aínda que ERC pasara de 3 a 9 [email protected] Neste novo marco e partindo de que Podemos non cometerá os mesmos erros que en setembro é moi previsíbel unha perda de apoios do bloque independentista e un importante aumento da marca coa que se presenten Podemos, o grupo de Ada Colau, Iniciativa, EUiA, etc... substituíndo a Catalunya si que es Pot; de producirse isto estaríamos diante dunha redución moi importante da capacidade de presión de Catalunya sobre o estado.

É indiscutíbel para quen faga unha análise obxectiva que o maior perigo para o pacto da transición foron e son as nacións que reivindican a súa soberanía fronte ao unionismo español, en 1981 era fundamentalmente Euskal Herria e o sistema tomou medidas;  van alá case trinta e cinco anos e hoxe o perigo principal está no proceso autodeterminista catalán e comprobamos como sobre todo no último ano todos os sectores comprometidos coa unidade do estado, incluso aqueles que se reclaman rupturistas, actuaron para eliminar ese perigo. Creo que unha investidura de Mas como Presidente da Generalitat, que debería negociar calquera decisión ao non ter maioría,  suporía o máis duro golpe que se lle puidera dar a un estado unitario español que neste momento está pendente dunha reconfiguración dos elementos políticos que o sustentan e na que deberá repartir xogo entre os partidos que xestionaron até agora o pacto da transición e os novos que poden vir a substituílos nese labor de xestión ou a servirlles como caxato. 

Hai poucos días un amigo e camarada catalán reflexionando sobre o proceso e o debate interno da CUP escribía: “Jo sóc dels que creu encertada la teoria de l’enemic principal i de l’enemic secundari. I tinc clar, en aquest escenari quin és l’enemic principal”; penso que a CUP non o entende así,  todo o meu respecto pola decisión que veñen de adoptar pois eu non fago política en Catalunya, pero a alegría coa que todos os sectores unionistas desde Podemos até o PP recibiron a súa decisión faime pensar que respiran aliviados pensando que teñen un problema menos.