Pois si, Catalunya conta desde onte domingo con novo presidente da Generalitat.

Pois si, Catalunya conta desde onte domingo con novo presidente da Generalitat. O venres intercambiaba opinións con persoas de Catalunya ao respecto da situación e dicíanme que non daban a batalla por perdida dado que un partido non remata até o último segundo pero tamén me dicían que non vían máis saída que unhas novas eleccións nas que a previsión era dun avance dos sectores non comprometidos co proceso político independentista debido fundamentalmente á decepción e desmobilización que se tería instalado en sectores até o momento favorábeis ao mesmo ao comprobar que non fora posíbel un acordo.

Na tarde do sábado saltou a sorpresa ao ler un chío de alegría, facíase público que había un acordo de investidura chegado in extremis e no que tanto Junts pel Sí como a CUP facían importantes concesións en aras do obxectivo común de conseguir un goberno para pilotar o proceso de desconexión do pobo catalán co estado español. JxSí e CUP diante do fermoso obxectivo de dar novos pasos cara á liberdade do seu pobo tiñan renunciado a algunhas das que hoxe en día se dan en chamar liñas vermellas.

Eu mesmo poñía por escrito neste mesmo medio o luns pasado que algunhas condicións podían supor un atranco que fixera entrar en vía morta o proceso. Trabuqueime, non teño problema en recoñecelo, e as lóxicas diverxencias existentes entre os negociadores foron superadas froito dun intenso e discreto traballo de diálogo e convencemento tanto no interior de cada unha das organizacións como nas reunións e contactos entre as mesmas. Son múltiples as valoracións a touro pasado, se a firmeza da CUP foi definitoria, se a maxistral actuación de Mas conseguiu o acordo, etc...; sen desvalorizar nin o un nin o outro considero que quen participaron na negociación e asinaron o acordo non fixeron máis que dar resposta positiva a unha sociedade que esixe poder facer o seu camiño.

Todas, absolutamente todas as organizacións españolas saíron ao unísono rexeitando o acordo e atacando a quen o asinou

A mellor proba de que deron a resposta correcta non a debemos buscar na lóxica expresión de alegría de todos os sectores comprometidos co dereito a decidir, a proba está na reacción da parte oposta. Todas, absolutamente todas as organizacións españolas saíron ao unísono rexeitando o acordo e atacando a quen o asinou; cada unha co estilo discursivo que lle é propio pero todas coa mesma mensaxe, desde as que lanzaban exabruptos típicos do españolismo cuarteleiro máis rancio faltándolles só pedir a saída dos tanques á rúa para eliminar á disidencia, até as da chamada nova política con esa referencia a que eles e só eles son a solución a todos os males do mundo cun estilo que cada vez semella máis o discurso do telepredicador que advirte “soy el enviado de Dios hijo mío y sólo yo te puedo salvar”.

Esa coincidencia no ataque ao acordo e ese cambio radical de quen poucas horas antes subían á CUP aos altares da coherencia por “impedir o goberno do demo Mas” e agora chámanlle de todo reafirma a tese de que o problema de España, o problema do réxime son os procesos soberanistas que se dan ou que se poden dar nas nacións non recoñecidas, e neste momento o maior perigo que teñen é o proceso catalán. O españolismo non asume a maioría de idade do pobo catalán e a esquerda española segue sen saber/querer ler o contexto; o proceso político catalán e moitos outros procesos políticos non se poden entender nunha dialéctica dereita-esquerda senón nunha dialéctica soberanía-dependencia. 

O Pleno de Investidura [email protected]  no seu papel e de destacar algo creo que podería ser o enfado do portavoz de Catalunya Si que Es Pot facendo referencia a un acordo que leva a unha ruptura “ilegal e ilexítima”, palabras que non estrañarían na boca dos partidos do sistema pero neste caso foron pronunciadas polo portavoz da forza que di chegar ao panorama político subida na onda de indignidade social e que supostamente vai mudar o actual sistema político.

Da comparecencia de  Mariano Rajoy nada novo, as coñecidas ameazas contra quen apoie o proceso independentista en Catalunya, pois Rajoy ten claro que alí pouco ou nada pode recoller mentres que esas declaracións ameazantes envolvéndose na bandeira española son moi rendábeis nunha España profunda na que o patriotierismo unitarista está en expansión.

Os meus parabéns á CUP, os meus parabéns a JxSí e os meus parabéns ás entidades sociais que axudaron a chegar até aquí. Non dubido de que [email protected] [email protected] son conscientes de que empeza o máis difícil pero se foron quen de pasar este complexo capítulo serán quen de seguir facendo camiño, o final do proceso antes ou despois será a liberdade do pobo catalán.