En Portugal sería posíbel mudar pero....

Duarte Correa - Profesor e sindicalista.


Poderíamos poñerlle outros dous títulos aínda máis chamativos a esta primeira análise


Poderíamos poñerlle outros dous títulos aínda máis chamativos a esta primeira análise sobre as eleccións de onte en Portugal e os tres serían correctos, o título “A troika baixou pero non tivo mal resultado” algunha xente diría que é esaxerado pero non sería incorrecto pois quen aplicou os recortes, a coalición Portugal à Frente integrada por PSD e CDS que goberna desde 2011, revalidou o primeiro posto aínda que coa perda da maioría absoluta,  e o PS que foi o responsábel do acordo que impuxo os recortes mantense como a segunda forza máis votada. Entre ambas candidaturas tiveron case o 70% dos votos.

O outro titular podería ser “Importante retroceso da dereita e avance de quen loitan”, pois a coalición gobernamental perdeu un 12% do apoio electoral acadado en 2011 o que supón a perda da maioría absoluta e as dúas forzas que se opuxeron á sinatura do memorando que abriu a porta á  intervención da troika en Portugal avanzaron obtendo un  18,48% de apoio do electorado portugués.  

Nas últimas semanas diversos medios de comunicación galegos e do estado español ao falar das eleccións portuguesas resaltaban  unha suposta situación económica moito mellor que a que tiña o país en 2011 antes da intervención da troika, sinalando a redución das taxas de desemprego e o aumento do PIB. Esa mesma mensaxe pero milleiros de veces amplificada era a que estaban recibindo os portugueses e portuguesas nos últimos meses, unha mensaxe que era única nos medios de comunicación de masas, nos voceiros dos partidos gobernantes, nos poderes económicos e nas institucións europeas; unha mensaxe que tiña o obxectivo claro de convencer ao electorado de que non hai alternativa ás políticas de recortes aplicadas polo goberno.

O outro titular podería ser “Importante retroceso da dereita e avance de quen loitan”, pois a coalición gobernamental perdeu un 12% do apoio electoral acadado en 2011

Diante desa mensaxe houbo unha resposta ambivalente, aínda que non gustemos da decisión debemos recoñecer que unha parte moi importante do electorado deu o seu apoio aos responsábeis políticos de que o país tivera o maior retroceso social desde o 1974 como moi acertadamente sinalaba no último número do Sermos Galiza o xornalista portugués Bruno Carvalho, un retroceso que nos últimos anos provocou que abandonara o país camiño da emigración o 5% da súa poboación e que a desigualdade e a exclusión social afecten a máis do 25% [email protected] [email protected] Non sabemos se ese apoio aos partidos da troika foi porque de verdade ese sector do electorado considera que vive mellor que hai catro anos ou polo medo ao descoñecido e a perder o pouco que ten, dado que o discurso do medo e do mal menor tamén estiveron moi presentes nesta campaña electoral.

As dúas forzas que se opuxeron ao memorando que supuxo a chegada da troika e que estiveron nestes catro anos na Assembleia e na rúa rexeitando os recortes e en defensa dos dereitos sociais e laborais, a CDU (coalición do Partido Comunista Português e Os Verdes) e o Bloco de Esquerda non tiveron malos resultados, por contra ambos aumentaron a súa votación pasando o voto da esquerda real dun 13,07% en 2011 a un 18,49% e a presenza parlamentar de 24 a 36 escanos. 

A CDU e o Bloco de Esquerda  aumentaron a súa votación pasando o voto da esquerda real dun 13,07% en 2011 a un 18,49% e a presenza parlamentar de 24 a 36 escanos

O Bloco de Esquerda, que perdera a metade da súa representación nas eleccións de 2011, agora sitúase como terceira forza cun 10% de votos e 19 escanos, un resultado que supón aumentar en 11 os escanos obtidos hai catro anos e que demostra que non lles ten afectado a presentación de varias candidaturas integradas por persoas que abandonaron a organización nos últimos anos. A intensa campaña da candidatura bloquista encabezada por Catarina Martins foi medrando co paso dos días e xa facía albiscar un importante avance pero non era imaxinábel que fora tan grande, destaca a forte presenza no distrito de Porto con cinco escanos e a recuperación do escano de Braga. O resultado electoral permitirá estabilizar e dar maior presenza no conxunto do país a un BE que nos últimos tempos tiña pasado por fortes convulsións internas que hoxe semellan superadas.

No caso da CDU as previsións non eran dun resultado espectacular pero si dun maior avance, algo que incluso temía a dereita que levou adiante no último mes unha dura campaña de ataques mediáticos contra o PCP. A CDU tivo un pequeno aumento en votos e en porcentaxe que lle permitiu acadar 17 escanos fronte aos 16 de 2011. Este pequeno avance confirma unha vez máis algo que @s comunistas portugueses  saben desde hai moito, a presenza continuada nos conflitos sociais e o traballo de esclarecemento ideolóxico non provocan grandes saltos cara adiante senón que son semente para pequenos avances e cimentos para manter unha base sólida. Como lembraba hai unhas semanas o secretario xeral do PCP Jerónimo de Sousa o seu partido xa foi morto e enterrado múltiples veces polos seus inimigos pero seguen en pé defendendo os dereitos da clase traballadora e das clases populares.

Terían que mudar moito as cousas nos vindeiros días para que o Partido Socialista renegara realmente das políticas de recortes e de perda de soberanía nacional fronte ás imposicións da troika

A nota anecdótica da xornada electoral é aparición dun novo partido na Assembleia, o Pessoas-Animais-Natureza que obtivo un escano por Lisboa.

Ábrese un novo tempo en Portugal coa perda da maioría absoluta por parte da dereita pero creo que a incerteza durará pouco pois terían que mudar moito as cousas nos vindeiros días para que o Partido Socialista renegara realmente das políticas de recortes e de perda de soberanía nacional fronte ás imposicións da troika. Quen coñecemos a historia de Portugal sabemos que o PS é un dos partidos socialdemócratas europeos máis obedientes ás directrices do gran capital e das institucións europeas, desde a actitude de Mário Soares como cabalo de Troia do imperialismo no proceso revolucionario posterior ao 25 de abril até a chamada de Sócrates á intervención da troika pasando por unhas negociacións da adhesión de Portugal ao Mercado Común Europeo que supuxeron o desmantelamento dos seus sectores económicos básicos. Tempo ao tempo.