24M: votar pensando en chave galega

21 maio 2015 08:53 h.

A estas alturas, a escasamente 3 días do 24M, é obvio que estas eleccións municipais non se declinan só en chave local.

A estas alturas, a escasamente 3 días do 24M, é obvio que estas eleccións municipais non se declinan só en chave local. Aquí non se vota só concelleiros e concelleiras. Estamos ante a antesala das eleccións xerais e todo fica condicionado por esa perspectiva, pola preparación do asalto á Moncloa como obxectivo.

Non hai ningunha forza política que non teña a perspectiva das xerais en mente neste momento. Ningunha forza política nen tampouco ningunha das nacións que coexisten no Estado español, a comezar por aquelas que ven negada a súa soberanía.

Este domingo 24M elixiremos as cámaras municipais e delas xurdirán os gobernos locais. Está ben que vaiamos votar pensando nos concellos, mais do noso ponto de vista sería un erro inxenuo non o facer pensando tamén nos intereses nacionais da Galiza, en afortalar o peso político da nosa  nación no conxunto do Estado. Precisamente o que o establishment no país cobiza é que fagamos abstracción do marco nacional e pensemos só nos lindes dos municipios. Queren que actuemos só localmente, non que pensemos na globalidade chamada Galiza.

 Queren que actuemos só localmente, non que pensemos na globalidade chamada Galiza

Un voto progresista o 24M é necesariamente un voto contrario ás políticas antisociais e neoliberais practicadas na UE, no Estado e na Galiza desde hai xa décadas. Si, mais un voto só é realmente progresista na Galiza se ten en conta que os concellos non son células ailladas ou atomizadas, senón elementos constitutivos dunha nación chamada Galiza.

Sermos considera que hoxe máis que nunca se revela como fundamental reforzar o espazo político nacional galego como garantía non só da derrota do proxecto neoliberal no noso país, senón tamén de avanzo rumo á ruptura da dependencia que nos ata ao Estado español.

O 24M pode ser o principio do cambio que precisa o país e será, sen dúbida, o primeiro capítulo das eleccións xerais. Votemos, pois, pensando nos concellos e votemos pensando na Galiza.