Se algún fenómeno ilustra ben ás claras a natureza dos problemas da Galiza é o demográfico. Falamos dun fenómeno histórico e estrutural, e non do produto dunha determinada conxuntura ou crise. Ponse máis ou menos de moda como asunto a tratar nos meios, en función de tal ou cal prognóstico ou proxección, mais acompáñanos invariábel desde no mínimo o século XIX.

A última proxección é verdadeiramente arrepiante. Nos próximos 15 anos Galiza perderá 230 mil habitantes, que é como se desaparecese a cidade da Coruña. Se o pomos no contexto xeral advertiremos a dimensión da catástrofe: o 44 por cento da perda populacional que, segundo o INE se vai producir no conxunto do Estado, terá lugar na nosa nación.

A mediados do século XIX a populación galega representaba o 11,5 por cento da española. Hoxe, non alcanza o 6 por cento. Iso significa que se tivésemos mantido a percentaxe, no canto de sermos hoxe 2,7 millóns de habitantes, seríamos no mínimo 5. Os efeitos económicos decorrentes de tamaña destrución demográfica, en termos de riqueza e de valor non producidos, son facilmente imaxinábeis. Estamos a falar de cifras propias dunha hecatombe, do lento exterminio dun pobo.

Nos próximos 15 anos Galiza perderá 230 mil habitantes, que é como se desaparecese a cidade da Coruña

Nada disto obedece a ningunha maldición bíblica, senón a un problema estrutural de índole política no sentido máis xeral de termo e non achará resolución en tanto en canto non alteremos o status do noso país como nación dependente no conxunto do Estado. Coa dependencia non temos porvir e o noso pasado -a perda de nervo demográfico e, portanto, material- preanuncia o noso futuro, o dun país cada vez máis envellecido, cada vez máis empobrecido e cada vez máis irrelevante no conxunto do Estado.

É ben hora de reaxirmos e de situarmos a cuestión demográfica como o que é, epifenómeno da dependencia, o termómetro que indica que, de non variarmos o rumo, nos veremos abocados a un ponto de non retorno. Non podemos minguar máis, se queremos ser un país viábel. A sociedade ten de tomar conciencia. Non é sustentábel termos a estas alturas do século medio millón de galegas e galegos, dados oficiais, a producir riqueza lonxe da nosa terra.