A venda do Banco Popular-Pastor ao Banco de Santander é unha moi má noticia para as e os traballadores da entidade na Galiza e unha moi má noticia para o país no seu conxunto. Haberá despedimentos pola duplicidade de oficinas e avanzará até límites sen parangón no Estado e na UE o proceso de concentración bancaria. O negocio na Galiza, perto de 80 por cento, vai ficar en mans de dúas entidades, Abanca e o Santander. Non hai ningún país da UE en que a oligopolización do sistema financeiro privado sexa tan aguda como na Galiza.

Neste asunto chama a atención o desleixo da Xunta. Feijóo finxe que a desaparición do entramado financeiro galego (primeiro as caixas, despois o Pastor) non vai con el. Nunca o aforro do país estivo tan en mans foráneas como desde que el é presidente.

Así as cousas, a única alternativa a este proceso de desaparecimento da Galiza no taboleiro financeiro estatal é a aposta política nunha banca pública galega. Só cunha entidade propia do país poderá voltar a fluir o crédito en condicións asumíbeis para as e os particulares e as pemes. Só cunha banca pública galega a nosa economía nacional poderá ter un sistema financeiro adaptado ás súas necesidades.