A XVI Asemblea Nacional do BNG deixa varios titulares. O primeiro, sen dúbida, é que a formación soberanista mostrou músculo organizativo e exhibiu en Palexco unidade e cohesión arredor dun proxecto -os textos a debate- e unha dirección, encabezada por unha Ana Pontón plenamente consolidada xa non só como líder do Bloque, senón como referente do taboleiro político galego.

O segundo titular deuno a propia Ana Pontón no discurso de clausura. Os cambios introducidos na Asemblea, embora pareceren pequenos, son de grande calado e profundidade, veu dicer. Isto é, a refundación-reactualización do Bloque si ía en serio e si vai producir mudanzas. A primeira ten a ver coa reactualización da súa visión da Galiza e do mundo. A segunda atinxe a mentalidade coa que a formación soberanista enfronta as súas tarefas políticas: o novo BNG non se vai auto-limitar e ten vocación decidida de representar as maiorías sociais para, en aberto desafío á fortaleza do PP de Feijóo, formular o obxectivo de gobernar o país a catro ou oito anos vista. Un BNG máis achegado á realidade do país, si, mais sen esquecer a súa orientación de fondo, a conquista da soberanía.