A campaña electoral, infelizmente, deixa unha vez máis Galiza fóra do foco. Así o buscan os mass media, que furtan a voz ás nacións sen Estado cando o modelo territorial é un dos elementos en xogo. Resulta cando menos paradoxal que nos principais debates televisados, en que tanto se demoniza o independentismo, non haxa voces das nacións sen Estado que defendan outras opcións que non sexan as da españolización e a uniformización.

As eleccións deste domingo resultan cruciais para o futuro da nación. As galegas e galegos temos que decidir, de maneira colectiva, se queremos ter voz autónoma no Congreso para facernos valer e para poñermos sobre a mesa as nosas necesidades como pobo, que non son poucas. Temos en Euskal Herria un exemplo. Demostrou que ter voz en Madrid é sinónimo de contar con influencia, sempre e cando se saiba negociar en beneficio propio. Así, grazas ao traballo das deputadas e deputados vascos, Euskadi conta cunha tarifa eléctrica diferenciada que permite un aforro considerábel á industria. Tamén recibirá a transferencia da autoestrada AP68. E nós? Seguimos cos salarios e pensións máis baixas; coas peaxes, a luz e o combustíbel máis caro; con peores infraestruturas; con peores servizos... Está na nosa man reverter a situación.