O conflito lingüístico que non cesa

30 Xullo 2015 07:46 h.

O caso dunha nena de 10 anos discriminada por ser galegofalante no centro hípico Casas Novas

O caso dunha nena de 10 anos discriminada por ser galegofalante no centro hípico Casas Novas volta a pór sobre a mesa, coa crueza e a potencia que teñen as historias persoais que poden atinxir a categoría de símbolos, que o conflito lingüístico na Galiza está moi lonxe de ser superado.

Levamos tres décadas de institucións "autonómicas" e a realidade do galego, caracterizada pola continua perda de falantes e pola xeneralizada quebra da transmisión xeracional, é moi preocupante. Non avanzamos, ao contrario, retrocedemos.

Durante todos estes anos, e co escaso e tímido interregno do bipartito, a doutrina das institucións públicas na Galiza ten sido a de negar a realidade. Isto é, aquí non hai conflito e todo o mundo pode utilizar libremente a lingua da súa preferencia, sen se ver penalizado por iso. Pouco importa que unha ollada obxectiva á nosa contorna permitise doadamente refutar esa tese (traballadoras e traballadores que se ven obrigadas a usar o español na súa vida laboral, a marxinación da lingua galega nas salas de cinema, nos quiosques, nos tribunais de xustiza...). Simplemente aquí había concordia e non había ningún conflito que superar.

O caso dunha nena de 10 anos discriminada por ser galegofalante no centro hípico Casas Novas volta a pór sobre a mesa que o conflito lingüístico na Galiza está moi lonxe de ser superado

Nese sentido, si constituíu un avanzo -do que xa nos fixemos eco editorialmente desde estas páxinas- o recente acordo das forzas políticas impulsado pola Mesa pola Normalización Lingüística. Nese acordo constatábase a evidencia do retroceso do galego, un recúo que non é produto máis que da desigual relación de forzas que mantén a día de hoxe co castelán na Galiza.

O caso da nena de 10 anos maltratada por falar a súa lingua na súa propia terra, entre outros moitos que obviamente non trascenderon tanto, obriga a un cambio de estratexia das políticas públicas, obriga nomeadamente o partido que ocupa o Goberno galego a recoñecer que no país continúa a haber unha lingua A e unha lingua B e a estabelecer disposicións lexislativas que garantan que ningunha institución, privada ou pública, ou ningún particular poda violar impunemente os dereitos lingüísticos -dereitos humanos fundamentais- das persoas galego-falantes.