Un dos tópicos sobre a transición española é que con ela se resolveu un problema secular do Estado, a cuestión militar, isto é, a intervención do exército nos asuntos públicos como unha institución opresora das clases populares e das nacións que conviven no Estado. O tópico non resiste a mínima análise histórica, sendo que, por exemplo, non se poden relatar cun mínimo xeito as catro últimas décadas sen termos en conta os efeitos do golpe de Estado, non tan falido, de 23 de febreiro de 1981. Sen esa intervención militar o chamado café para todos, o baleiramento do potencial de autogoberno que podía conter a tépeda Constitución de 1978, seguramente non se tería producido.

O espectro da intervención militar voltou a ser invocado esta semana, e non por una tertuliana da extrema direita, senón pola mesmísima ministra de Defensa. Fíxoo como réplica face a Lei de Referendo que esta terza feira apresentaron as e os portavoces do bloco soberanista catalá. Esta é unha cuestión de democracia elemental: a estas alturas os tanques non poden acalar as urnas. A cuestión catalá é un test da calidade da democracia e todo indica que Madrid vai camiño de non pasar a proba.



x