Tres mulleres asasinadas a tiros en Valga: Sandra Boquete, Alba Boquete e María Elena Jamardo. O responsábel deste triplo asasinato machista é a ex-parella de Sandra. Das tres mulleres mortas só unha, Sandra, será recoñecida, aos efectos da estatística, como vítima da violencia machista. As outras dúas, non. A demora na translación ás leis do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero provoca que até o de agora as vítimas que non son parella ou ex-parellas dos agresores non son recollidas como tales nas estatísticas oficiais. Un exemplo do moito que fica aínda por mudar, neste caso na lexislación, mais non só, no combate contra a violencia machista. O feminismo volve saír á rúa en medio cento de cidades e vilas galegas para lembrar as asasinadas, para denunciar a crueldade e irracionalidade do machismo e da súa violencia máis salvaxe. Mais, tamén, o feminismo sae á rúa para demandar máis unha vez compromisos concretos e reais que permitan avanzar na eliminación da violencia machista. Compromisos en orzamentos, en medidas lexislativas, en educación para a igualdade. Demandas todas que baten coas propostas das forzas da dereita, da nova e da de sempre, que lanzan discursos negadores do feminicidio e banalizan a violencia machista disfrazándoa de violencia doméstica