O Grupo Villar Mir anunciou a venda do complexo Cee-Dumbría e as centrais do Xallas de Ferroatlántica a un fondo voitre estadounidense por 170 millóns. O empresario, que estivo vinculado ao réxime franquista, levaba tempo querendo desfacerse do complexo. O fondo estadounidense e Ithaka, empresa española coa que se alía para a compra, non teñen presenza no sector da ferroaleación mais si manteñen intereses na enerxía. Unha mostra máis de que se procura especular cos recursos naturais da Galiza.

Esta é a segunda manobra de Villar Mir após intentar a venda de Ferroatlántica hai dous anos. Daquela paralizara o proceso a Xunta. Detrás da última operación agóchase a segregación e a venda das hidroeléctricas. Os beneficios ficarían dentro de Ferroglobe -o grupo de Villar Mir- e as fábricas operarían como unha subcontrata sen garantías de viabilidade e mantemento dos postos de traballo. Diante disto, o Goberno galego debe intervir para facer valer as cláusulas das concesións e para evitar a consumación da compra.

Galiza fica aos poucos en mans dos fondos voitres, que xa especulan en sectores estratéxicos da economía galega, desde as infraestruturas (o caso máis representativo é o da AP9) á alimentación, pasando pola vivenda ou a enerxía en busca de rendibilidade e beneficio.