Concluída a dupla cita electoral e coas alianzas pendentes de se concretaren para definir o mapa da gobernabilidade nos concellos e nas deputacións, a ollada vira agora cara ás eleccións galegas. Alén do descenso de apoio das mareas, un dos titulares que deixou o 26 de maio foi a perda de poder político do PP, sobre todo, nas cidades e, en consecuencia, a imposibilidade de retorno aos gobernos das deputacións. Ao feche desta edición tamén se confirmaba unha situación insólita: o PP perdía a maioría absoluta no feudo de Baltar.

Os resultados do 26 de maio veñen confirmar o que adiantaban as eleccións xerais e, neste contexto,  PSdeG e BNG -ambas as forzas políticas á alza- e o que reste das mareas están en disposición de encabezaren un goberno alternativo ao de Feixoo. Así, 2020 representa a posibilidade de rachar co decenio en que reinaron as políticas destrutivas dun PP que tiña a ollada posta en Madrid e non na Galiza. Un dos máis fiábeis termómetros que así o demostra en materia de autogoberno son as competencias. O balanzo non pode ser peor, pois Feixoo foi o presidente das cero transferencias.

Galiza precisa saír da irrelevancia. Cómpre un goberno cunha axenda nacional, que atenda as necesidades de todas as galegas e galegos.