O Parlamento vén de darlle luz verde -cos votos a favor de PP e PSOE e cos votos en branco e dous nulos da oposición, que criticaron a falta de consenso e diálogo na elección- ao nomeamento da maxistrada Dolores Fernández Valiño como valedora do pobo. Un cargo non exento de polémica despois de que a anterior valedora, Milagros Otero, se vise na obriga de demitir. Fíxoo case catro meses após desestimar o Tribunal Supremo o recurso contra o fallo do TSXG polo “enchufe” da irmá do portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy, e sobriña de Fraga. Ademais, o seu antecesor, Benigno López, demitira após propoñer que se suspendese a lei de dependencia até que mellorase a situación económica.

Tanto Otero como López -que na súa etapa como maxistrado non admitía nin facía uso do topónimo A Coruña- tiveron en común a súa inhibición á hora de defender a lingua galega e non admitiron a trámite queixas ao redor do incumprimento dos dereitos lingüísticos. De feito, a ex valedora chegou a derivar queixas a outras institucións á vez que o Defensor del Pueblo -a nivel estatal- atendía as reclamacións.

A nova valedora debe velar polo exercicio de dereitos fundamentais e as liberdades, incluíndo o dereito ao uso pleno e libre das persoas galegofalantes, máxime cando a cativa lexislación en materia lingüística segue a incumprirse.