O 10-N, nova cita coas urnas, a cuarta en cinco anos para unhas eleccións estatais. A fin do bipartidismo emerxido da transición faise de difícil dixestión para as dúas formacións que o protagonizaban e sustentaban (PSOE e PP), incapaces de entender que xa non son as donas absolutas do baile. Pola súa banda, as ‘novas’ formacións (Ciudadanos, Podemos) actuaron coa irresponsabilidade de quen apostou todo en erixirse en novos bailadores, substituíndo os vellos, dunha danza xa esgotada e cansa, a do bipartidismo estatal.

A nova convocatoria, presentada nun principio como unha xogada mestra de Pedro Sánchez para alargar a representación do PSOE a costa de debilitar Unidas Podemos e Ciudadanos, está a ser aproveitada pola dereita española tanto para intentar recuperar o Goberno español como para estender e facer callar o discurso político e mediático máis españolizador e reaccionario.

Neste panorama vota Galiza o 10-N, data a partir da que se abrirá unha nova lexislatura na que o debate territorial volverá ser eixo protagonista. Estar presente ou ausente no mesmo -ter ou carecer de voz propia nas Cortes españolas- determinará de maneira importante cuestións decisivas para a vida das galegas e galegos, desde o modelo de benestar até o tecido industrial, pasando pola capacidade de gobernar os nosos propios recursos e decisións. Que non é pouco.