Os debates electorais que decorreron os pasados días en Madrid volveron poñer sobre a mesa a necesidade de que Galiza teña quen a represente no Congreso. As forzas estatais volveron tratar a nación como unha colonia, como a periferia, e nin sequera a tiveron en conta cando debateron ao redor de Catalunya. Chegaron a poñela en pé de igualdade con Estremadura, caso de Pablo Iglesias cando advertiu de que a ver se a xente ía pensar que os madrileños só se preocupan do procés, ou con Guadalaxara, caso de Pedro Sánchez, cando aludiu á “España baleira”.
E por que Galiza debe ter quen a represente en Madrid? Porque só mediante unha representación galega se pode introducir Galiza, e defender as súas necesidades e intereses, no debate estatal. Se Galiza non existe como nación que é na política estatal, non pode aspirar a un futuro diferente nin a unha vida socialmente máis xusta para as galegas e galegos. Comprobámolo, agás en honrosas excepcións, nas tres últimas lexislaturas. Tamén evidenciamos como o feito de que se nomeen ministras ou ministros galegos non ten implicación ningunha aquí. Ser galega ou galego implica defender os nosos intereses por riba das cores políticas e de estratexias electorais.