Máis de 300.000 vivendas baleiras -moitas delas, en mans da banca e de Sociedades Cotizadas Anónimas de Investimento no Mercado Inmobilario- e menos 4000 inmobles en alugueiro na Galiza. Os prezos dispáranse, marcan máximos históricos e fanse inalcanzábeis para unha gran parte da poboación, sobre todo, na Coruña, Compostela e Vigo. A eclosión de vivendas turísticas -as legais, que suman ao redor de 8000, mais tamén as non declaradas- empeora unha situación xa de por si lastrada. A radiografía presentada require dunha actuación urxente por parte do Goberno galego. Viena é un bo exemplo: desde hai décadas erixiuse como un modelo a seguir, con prezos razoábeis e co freo á especulación.

As axudas ao alugueiro son insuficientes, ao igual que o parque público de vivenda. Aumentar os inmóbeis públicos, ademais de dar resposta á demanda, actúa como regulador dos prezos. O control de pisos turísticos por parte da Administración, como xa acontece en Euskadi, é outra das medidas que se deberían adoptar. A receita pasa por unha intervención pública decidida que contribúa a rachar cos prezos abusivos e coa expulsión das persoas nas zonas con máis turismo.