O Ministerio de Defensa comportouse historicamente na Galiza como un híbrido entre o señor feudal e o poder colonial. Hoxe continúa a comportarse igual. Neste Sermos 197, nunha reportaxe asinada por Xosé Fandiño, damos conta dos planos de Defensa para perpetrar diversas pelotadas urbanísticas no noso país, con especial afectación nos concellos de Ferrol e A Coruña.

En 2013 o Goberno Rajoy, en plena febre dos recortes, puxo en andamento planos de venda dos moitos activos inmobiliarios do Estado. Galiza resultou singularmente afectada por esta ofensiva privatizadora. Estamos a falar do alleamento de bens -no noso país arredor de 100 propiedades- que en boa parte resultaron, literalmente, da apropriación de solos que pertencían aos veciños e as veciñas dos concellos galegos, bens que son froito dun espolio que debería ser reintegrado aos seus lexítimos donos. Cidades como A Coruña e nomeadamente Ferrol -o 20 por cento do solo da cidade departamental ten como titular o Ministerio de Defensa- son o teatro de operacións en que a Administración castrense xoga ao casino inmobiliario.

Estamos a falar do alleamento de bens -no noso país arredor de 100 propiedades- que en boa parte resultaron, literalmente, da apropriación de solos que pertencían aos veciños e as veciñas dos concellos galegos

Na Coruña, un moi activo movimento cívico está a traballar para que Defensa non faga negocio especulando cos 29.000 metros cadrados da Maestranza. O Concello, co impulso do BNG e da Marea Atlántica, xa se ten pronunciado ao respeito, demandando que o Estado reintegre a propiedade ás cidadás e aos cidadáns. En Ferrol, en troca, o concello, gobernado por Ferrol en Común en coligazón co PSOE, ten asinado un convenio co ministerio de Defensa que permitirá ao Estado continuar a facer negocios co solo urbano da cidade. Unha actuación que non parece lóxica nun goberno que se proclama como progresista ou até rebelde.

A sociedade debe tomar consciencia dos manexos de Defensa no noso país e debe mobilizarse para impedir que o Estado especule con parte do noso territorio.