España. Pronunciou máis veces esa palabra o presidente da Xunta no debate sobre o estado da nación que Galiza. Semella que Feixoo se confundiu de lugar e de debate. Non era unha sesión de control ao Goberno de Pedro Sánchez nin era o Congreso. Tratábase do debate parlamentar máis relevante do curso político e estaba no Hórreo. Un discurso autocompracente ateigado de medias verdades que trazou unha Galiza ficticia, próspera, que pouco ten a ver co panorama de precariedade, coa emigración, coa falta de autogoberno ou coa privatización de servizos públicos que padece a nación.

Feixoo non mentiu cando afirmou querer “un Goberno que goberne como se goberna Galiza”, isto é, un Executivo que olla para Madrid e que se inhibe cando pode facer uso das súas competencias -xa de por si escasas-. Encomendado ao Apóstolo e ao Xacobeo 2020, o presidente da Xunta, instalado nun déjà vu, volveu tirar de propostas que xa prometera en anos anteriores e que ficaron en papel mollado. Ben faría Feixoo en abandonar o discurso electoralista e en clave española e en defender a camisola da Galiza.