Unha nova ameaza pesa sobre a comarca de Ordes. Após a presión da veciñanza tombar o proxecto de vertedoiro de residuos industriais e de construción na parroquia de Lesta, unha empresa norueguesa, Erimsa, pretende extraer seixo en terreos de Frades, Ordes e Mesía. A mina, da que se extraería a terra a ceo aberto, afectaría máis de 6.700 hectáreas de superficie e representaría unha sentenza de morte para o sector gandeiro e máis de 200 granxas. Ao igual que no caso de Corcoesto, un espolio do territorio por parte dunha empresa estranxeira que pretende explotar os nosos recursos naturais e que ocuparía praderías e leiras de cultivo que constitúen o alicerce de explotacións que soportan 500 postos de traballo directos. A comarca de Ordes, xa afectada polo vertedoiro da Areosa, de Sogama, e por Gesuga, a planta de incineración de residuos cárnicos, é exemplo dun rural que se mantén vivo grazas á actividade agraria e gandeira.

A realidade que presenta o campo responde, entre outros factores, á consideración do medio ambiente como moeda de cambio en beneficio de grandes empresas que destrúen as economías familiares ou como un aspecto menor na lexislación. A Xunta xa non só practica o laissez faire, laissez passer , senón que prepara unha nova lei do patrimonio cultural que somete a natureza aos intereses económicos.



x