Incendios: máis un ano sen políticas de prevención

07 Agosto 2015 14:56 h.

Cada ano Galiza afronta a mesma situación: o lume que consome a masa forestal, leva á morte numerosos animais e abre a porta a modificacións no ecosistema de difícil solución. E coa mesma resposta por parte do Goberno, desde o Presidente Feijoo á Conselleira Quintana: a intencionalidade.

Certamente, a grande maioría dos incendios forestais son provocados. Mais recoñecer iso non é suficiente  para evitar o problema. Porque o problema non é a man que prende o lume, en todo o caso ese é o instrumento necesario para provocar o desastre. O problema é a nefasta xestión forestal que se fai nun país que perde aceleradamente poboación no rural co conseguinte abandono de terras agrícolas que se transforman rapidamente en masa vexetal.

"O monte, con independencia de cal for a fórmula de propiedade, é unha fonte directa de riqueza para quen o posúe mais, sobre todo, é un ben común cunha función ecolóxica e social claramente perceptíbel".

Cada vez con máis frecuencia os propietarios dos nosos montes viven en ambientes urbanos sen por iso se sentiren desapegados do territorio. Moitos, mesmo tendo toda a intencionalidade de conservar como produtivos eses terreos e de se guiar  por unhas prácticas de xestión adecuadas á nosa realidade ambiental, repoboando con especies máis propias,  topan coas políticas da administración de incentivar a plantación de especies  de rápido crecemento e alta combustibilidade. Por outra parte, os custos dos labores de roza e limpeza desaniman mesmo os máis afoutos e as axudas públicas non se ven.

Neste contexto de pouco serve ameazar con que o peso da lei caerá sobre os incendiarios. Porque o monte, con independencia de cal for a fórmula de propiedade, é unha fonte directa de riqueza para quen o posúe mais, sobre todo, é un ben común cunha función ecolóxica e social claramente perceptíbel. É  deber da administración establecer as normas de xestión e pór os medios para que estas sexan posíbeis e eficaces nun territorio concreto e cunhas condicións de asentamento humano moi diferentes ás de hai uns anos. A prevención ten que primar sobre a extinción. Se isto non se fai, o tema dos incendios acabará por se converter nun relato de verán, policíaco, se cadra, mais relato.