A primeira e obvia lección a tirar da catástrofe de Pedrógão Grande -o maior incendio da historia de Portugal, 64 persoas mortas- é que urxe unha política forestal radicalmente distinta. En Portugal e na Galiza. Como temos publicado no Sermos dixital, as florestas galega e portuguesa son xemelgas. E se hai algunha diferenza inquietante éo na nosa contra, por exemplo no que atinxe á penetración do eucalipto: se en Portugal esta planta invasora ocupa 8 por cento do territorio nacional, na Galiza a percentaxe é máis do que o duplo (17 por cento).

A chave é que o monte se ordene en función dos intereses xerais e non da conta de resultados da multinacional Ence

 

Urxe unha nova política forestal que debe nacer dun pacto entre todas as forzas políticas con representación no Parlamento galego e que debe visar unha ordenación do monte absolutamente distinta. A chave é que se ordene en función dos intereses xerais e non da conta de resultados da multinacional Ence, que funciona aquí no país como unha industria de enclave pura e dura.

Ese pacto debe, iso si, partir da admisión por parte da Xunta das súas responsabilidades no caos que caracteriza neste momento a súa política forestal. Só un dado: a esta altura o goberno galego aínda non ten aprobado o PLADIGA. Ese desleixo abeira a responsabilidade criminal.