Esta entrega 181 é un número moi especial para a equipa humana que realiza o Sermos Galiza, infelizmente o único semanario na nosa lingua que se debruza sobre os quiosques da Galiza. Éo porque estreamos un novo deseño e éo porque coa nova imaxe renovamos, aprofundándoo, o noso compromiso co xornalismo alternativo e galego, os sinais de identidade deste proxecto de comunicación que xa logo fai catro anos.

Coa nova pel, obra do deseñador Pepe Barro, o Sermos tenciona humildemente mellorar continente e contidos, sempre ao servizo da súa comunidade lectora e dunha concepción social do xornalismo, practicado non nunha sociedade abstracta, senón moi concreta, nun país profundamente desigual e profundamente dependente de estratexias e poderes situados a centos de quilómetros de nós.

Durante estes catro anos de existencia, tentamos ofrecer voz a quen non a ten e tentamos contar o relato dun país que continúa a sofrer os efectos dunha durísima crise económica e a carencia daquilo do que máis precisa, un poder político propio, soberanía para sermos nós os que tomemos as decisións sobre aquilo que nos compete como sociedade.

Medramos como proxecto de comunicación, quer no mundo digital quer no impreso

Medramos como proxecto de comunicación, quer no mundo dixital -esta semana tamén mudamos o deseño de SermosGaliza.Gal- quer no impreso. Este número que hoxe entregamos -a toda cor, mellor papel, mellor impresión- é a mostra da nosa vontade de estarmos á altura do que de nós demanda a comunidade de persoas lectoras, a comunidade sermos, que son as que dan razón de ser e sustento a este medio de información.

O contexto é adverso, mais a nosa propia experiencia, estes catro anos de vida, demostran que si hai futuro porque hai país que acredite nel e na necesidade de medios de comunicación propios. A capacidade de comunicación, a linguaxe, é o que nos caracteriza como seres humanos, a comunicación en galego é a que nos debe caracterizar como integrantes dunha nación chamada Galiza.