A receita ante os ataques da dereita española á lingua galega e ante os retrocesos provocados por unha xustiza ideoloxizada é reivindicármonos como galegas e galegos e blindarmos o noso idioma. A regresión que se está a dar no Estado español a respeito das linguas das nacións sen Estado evidenciouse na recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística de Lugo, que, lembremos, fora aprobada por unanimidade en 2012.

 

Non sorprende que a mesma xustiza española que permite presos e presas políticas nos cárceres se pronunciase con argumentos políticos propios da extrema dereita e degradando a unha categoría inferior o idioma propio da Galiza, así recoñecido polo Estatuto. Tanto ten que o español estea amparado por máis de medio milleiro de normativas e tanto ten que a xa de por si cativa lexislación en materia lingüística que protexe o galego se incumpra día si día tamén.

 

Coas tres citas coas urnas no horizonte, a dereita española seguirá aldraxando a lingua e usándoa como mercadoría electoral e as persoas galegofalantes seguirán a verse desprezadas e discriminadas ao non poder realizar unha comunicación efectiva nin sequera na Administración pública. A xustiza, que debera impulsar o idioma que se atopa en inferioridade de condicións, cunha caída preocupante entre as persoas mozas, é, máis unha vez, inxusta.

 



x