Nun contexto onde a modalidade “á carta” impera sobre o resto, cómpre advertir de que Rosalía só hai unha e non existe ao gosto da consumidora ou do consumidor. É falsa esa Rosalía choromiqueira, santa e folclórica. Como coñecer realmente Rosalía? Manuel Murguía daba coa chave: para saber de Rosalía hai que lela. As súas obras emanan a rebeldía dunha muller que rompía as regras coa lingua do pobo -aquel idioma que estaba vetado e pouco considerado- como arma e coa defensa da patria no albo.

 

En Rosalía estao todo. Unha galaxia colectiva que abrangue o social co seu canto radical e solidario. Como galegas e galegos podemos recoñecernos nas súas mensaxes comprometidas, enérxicas e contundentes. Un pensamento actual que perdura no político e no social até os nosos días.

 

Diciamos que lela é a chave que abre o universo rosaliano. Recuperármola para o pobo galego, lonxe de pedestais e recordacións só ocasionais daqueles que ofrecen unha visión reducionista da autora, é o noso deber. Tamén o é contribuírmos a divulgar a súa obra, sen filtros. Esa é a mellor homenaxe que podemos facerlle a unha Rosalía auténtica, cuxo legado continúa vivo. E agasallar, polo seu día, un libro e unha flor.