A Dirección Xeral de Tráfico vén de emitir un informe en que salienta que as mortes na estrada acadaron o seu mínimo histórico no primeiro semestre do ano. Mais non é o que acontece na Galiza onde, fronte á tónica xeral do conxunto do Estado, aumentaron un 5% as vítimas mortais en sinistros nas estradas. Na Galiza, ademais, prodúcese case 10% da mortandade en accidentes de tráfico cando as galegas e galegos representamos apenas 5% da poboación.

É urxente que se acometan medidas destinadas a reducir os accidentes viarios, a comezar por desenvolver un novo plan de seguridade na liña do plan director de mobilidade alternativa que permanece baixo chave nun caixón. Tamén é fundamental mellorar as infraestruturas e, sobre todo, a transferencia das competencias de tráfico. O Estado recada de Galiza uns 420 millóns de euros en multas. Un diñeiro que non se inviste en mellora ningunha.

O presidente das cero transferencias –non houbo ningún traspaso de competencias desde que Feixoo está á fronte da Xunta de Galiza– debería ollar para Catalunya, Nafarroa ou Euskadi, onde si dispoñen de competencias en materia de tráfico. No caso vasco, con características orográficas semellantes ás galegas, os índices de sinistralidade son menores que os rexistrados na Galiza.