Cada día bátese unha nova marca no custo da enerxía eléctrica até o punto de que deixa de ser noticia a suba do prezo dos megavatios por hora. Atopámonos diante dunha situación que representa unha clara inxustiza para este país, grande transformador de electricidade que non ve compensadas de xeito ningún as afectacións no territorio, tanto ambientais como sociais, que implican a actividade de xeración e transporte da enerxía. A causa principal? Un modelo deseñado para o beneficio doutros territorios, nomeadamente Madrid, e das grandes empresas do sector, que obteñen beneficios millonarios por conta deste espolio. Diferentes estudos afirman que contarmos cunha tarifa eléctrica propia para Galiza representaría un aforro do 30 por cento, xa non só para as familias, senón tamén para as empresas. É urxente, como país produtor excedentario de enerxía eléctrica, acabar coa estafa do sistema eléctrico, máxime cando unhas 65 mil persoas sofren a pobreza enerxética. Falamos dunha estafa que se acrecenta polo feito de tributaren as grandes empresas do sector fóra da Galiza, malia extraeren os recursos de aquí, e pola presenza de ex cargos públicos do PP e do PSOE nos Consellos de Administración destas compañías. Alén da soberanía enerxética, cómpre camiñarmos cara a unha enerxía máis sustentábel que evite a destrución do país.