A primeira data foi a de 2008. Despois chegou a de 2010, 2012, 2015 e 2018. A última data do Ministerio de Fomento para a chegada do AVE é o terceiro trimestre de 2019, mais só para un tren de segunda en probas que non se porá en marcha, no mellor dos casos, até entrado o 2020. Lembremos que o de Sevilla fai en abril 25 anos. Porén, non nos enganemos: o AVE non vertebra o país.

Alén de teimar en unir Galiza coa meseta e de suprimir servizos, como o FEVE entre Ferrolterra-A Mariña-Asturies ou o que levou ao feche de 50 estacións na liña Ourense-Pobra de Sanabria, deberiamos impulsar a creación dun servizo de proximidade que camiñe na liña da modernización do ferrocarril como transporte colectivo de pasaxeiras e pasaxeiros.

Non é de recibo que o tren que une A Coruña con Ferrol tarde practicamente o mesmo que o de Madrid a Valencia. Tampouco é de recibo que lugares do Estado con menos habitantes, como Murcia, conten cunha rede de proximidade que se nos nega ás galegas e galegos.

A chegada do AVE pode representar unha oportunidade neste sentido. E é que os camiños de ferro que fican e ficarán en desuso poderían aproveitarse para poñer en marcha trens de proximidade, en clave de comodidade, axilidade e prezos accesíbeis. Uns trens que contribúan ao desenvolvemento económico e social do país.