PP e PSdeG volveron camiñar da man ao tombar a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois, en que morreron 81 persoas e que deixou máis de cen feridas. A reforma da normativa parlamentar permitíalle á oposición forzar unha comisión de investigación, mais o PSdeG, que tiña na súa man a decisión, desbotouna. E isto a pesar de que En Marea e BNG forzaron a votación secreta en urna. É a cuarta vez que PSOE e PP tapan no Parlamento de Galiza os anteriores ministros de Fomento, José Blanco e Ana Pastor. 

Após o sinistro, nin houbo investigación independente nin se asumiron responsabilidades por parte de quen deseñou os camiños de ferro e de quen decidiu aforrar no sistema de seguridade. Verdade, xustiza e reparación é o que solicitan as vítimas, que proferiron berros de “impresentábeis” contra parlamentares do PSdeG e do PP no Hórreo. A UE xa lles sacara as cores a estes partidos, da man do BNG e da súa representante en Bruxelas, Ana Miranda. No informe da Axencia de Seguridade Ferroviaria da UE advírtese de que Fomento só se centrou no “erro humano” e que non afondou nas “causas fundamentais e subxacentes”, elementos chave que derivaron na catástrofe. Á luz do informe da UE e dadas as mentiras do Goberno central, é imprescindíbel unha investigación independente que non interfira no proceso xudicial.



x