Incendios de grandes dimensións en pleno inverno e, recentemente, co inicio da primavera. Son os denominados lumes de cuarta xeración, provocados pola presenza de períodos de seca cada vez máis frecuentes e polas altas temperaturas.

Cómpre actualizar os protocolos de actuación e adecuar os recursos a estes incendios que na Galiza son aínda máis graves debido á política forestal dun Goberno máis pendente de satisfacer as necesidades de Ence que de resolver un dos maiores problemas que ten o país e que pon en perigo vidas humanas.

O monte galego vive inzado de materia prima barata que o converte nunha polvoreira. A súa planificación vén de lonxe, desde o momento en que a fábrica de Celulosa decide que o eucalipto sexa o ben exclusivo das súas instalacións ao pé da ría de Pontevedra. E de aí esa colonización caótica que arruína as terras.

A multifuncionalidade é o futuro dun monte non só dedicado á extracción de madeira, senón onde poidan convivir outras actividades económicas. Castaña, cogomelo, plantas aromáticas, gandería extensiva, pastoreo... son fonte potencial de riqueza dunha Galiza cuxo valor paisaxístico está a ser devorado polo eucalipto. Iniciativas como o Banco de Terras contribuirían a facer un monte vivo, sustentábel e economicamente rendíbel.