O caso do neno asasinado polo pai en Oza-Cesuras esta fin de semana non é un parricidio, por moito que os medios de comunicación insistan na palabra.

O caso do neno asasinado polo pai en Oza-Cesuras esta fin de semana non é un parricidio, por moito que os medios de comunicación insistan na palabra. É violencia machista, un asasinato que non pode desposuírse da compoñente de xénero. Temos que nos preguntar por que o sistema permite que un pai leve o fillo, mesmo durante días, malia as denuncias, as ameazas, as ordes de afastamento e as peticións de amparo á xustiza. Garante o actual sistema a integridade das crianzas cando un home ten antecedentes por maltrato, sentenzas que o condenan e unha orde de afastamento vixente até hai tan só catro anos? Todo indica que non.

Xa son medio cento as mulleres vítimas de violencia machista na Galiza nos últimos cinco anos e son milleiros as denuncias por agresións contra a muller. Porén, cal é a resposta das institucións? Acaso comparecen de urxencia Feijóo ou Rajoy? Póñense máis medios? Non. A única resposta, o minuto de silencio. E as campañas? Sempre destinadas ás mulleres, para que presenten denuncias, e non aos agresores.

Nada disto é suficiente para acabar cunha situación insostíbel que impide as mulleres ser libres nunha sociedade que perpetúa a violencia sexista e considera a muller propiedade do home. Semella unha utopía mentres non se erradique o sistema patriarcal e mentres quen goberna non considere a violencia machista unha prioridade.



x