O 20D abre un período necesario de reflexión no Bloque Nacionalista Galego.

O 20D abre un período necesario de reflexión no Bloque Nacionalista Galego. Os resultados electorais fecharon un largo e fecundo ciclo de 20 anos de presenza do nacionalismo galego no Congreso. É un mala noticia non só para Nós Candidatura Galega, senón para o conxunto do país, que fica sen unha ferramenta imprescindíbel para facer ouvir a súa voz no Estado.

É certo que hai unha forza política nova -En Marea- que chega con forza ao Congreso e que se reivindica tamén como galega. Mais non é menos verdade que esa forza ten entre os seus componentes partidos de obediencia estatal. A ese respeito mellor sería non esquecermos as declaracións de Pablo Iglesias nunha entrevista na SER con Pepa Bueno. Interpelado sobre se os distintos grupos de Podemos no Congreso irían ter liberdade de voto, Iglesias respondeu dicindo que na súa organización practican tanto a democracia como a disciplina. Alén diso, se observamos os primeiros movimentos dos distintos actores nas Cortes Xerais repararemos en que Pablo Iglesias oficia como portavoz non só das 42 actas parlamentares obtidas por Podemos como marca propia, senón tamén das 27 colleitadas por parceiros desta formación nas nacións sen Estado, entre elas as conseguidas na Galiza.

Ábrese un tempo novo para o nacionalismo galego, cheo de incógnitas mais tamén de retos e de tarefas políticas apaixonantes por diante

As xerais saldáronse cun Parlamento de dificilísima xestión política e no que a representación nacionalista de Catalunya e Euskal Herria está chamada a xogar un papel decisivo na conformación da vontade da cámara e na constitución de maiorías de goberno. Aí Galiza non vai xogar ningún papel porque non ten quen teña vontade de a representar especificamente. O pior é que tampouco estará presente o país cando se abra a ponencia parlamentar que eventualmente alumee un novo texto constitucional.

En calquera caso, ábrese un tempo novo para o nacionalismo galego, cheo de incógnitas mais tamén de retos e de tarefas políticas apaixonantes por diante. A propia dialéctica do Estado -focalizada na cuestión territorial- vai pór en evidencia, máis cedo que tarde, que a existencia dun proxecto nacionalista galego autónomo é condición sine qua non para a existencia política de Galiza como nación e para o progreso material do noso pobo.