A decisión da Audiencia Nacional de obrigar o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, a prestar declaración presencial no xuízo pola Gürtel revela que a partida que se está a xogar no taboleiro das elites está lonxe de ter concluído e que calquera cousa pode vir a acontecer. Que se desbote a petición da Moncloa de realizar a declaración vía plasma indica a debilidade da posición do titular do executivo, exposto, aliás, a unha inminente moción de censura no Congreso dos Deputados. A fotografía da súa entrada no tribunal nunha causa por corrupción non ten precedentes.

Neste contexto non é menor o xesto con Rajoy que acaba de ter o reeleito secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, ao lle oferecer todo o apoio no manexo político da situación catalá. Aquí as forzas do réxime de 78 fechan filas, perante o anuncio da Generalitat do referendo para o próximo mes de setembro (aínda pendente de concretizar quer a data quer a pergunta que se submeterá á consulta cidadá). En Madrid pode haber tensións entre familias, e pode haber caídas momentáneas de representantes dunha ou doutra baronía (Esperanza Aguirre, Cristina Cifuentes), mais para as elites dominantes o principal non se toca. E o principal chámase a resistencia numantina do unionismo fronte ao direito a decidir das nacións sen estado.