A industria fenece. Leva tempo facéndoo e sufrindo un importante descenso de carga de traballo e, en consecuencia, de emprego. Porén, nin a Consellaría de Industria nin o Ministerio moven fíos para evitar que a economía galega siga a padecer a perda de peso dun sector estratéxico. E é que a industria ten a capacidade de crear máis postos de traballo, quer directos quer indirectos, e máis riqueza, fronte ao sector servizos en que aposta a Xunta de Galiza.A desindustrialización responde a varios factores, entre os que se atopa a deslocalización da produción e o estatuto electrointensivo. Neste último pode meter man o goberno, que segue a optar por non garantir unha tarifa eléctrica industrial estábel e predicíbel no Estatuto da Industria Electrointensiva.

Resulta inasumíbel que Galiza, exportadora de enerxía ao resto do Estado, padeza o feche de factorías polo prezo da electricidade. Un prezo que pesa tamén sobre os fogares. E mentres as empresas vascas aforran 50 millóns de euros ao ano por contar cuns prezos da electricidade máis baixos grazas á negociación das deputadas e deputados do PNV no Congreso á hora de apoiar os últimos orzamentos de Raxoi.

O futuro pasa por que os gobernos dinamicen o crecemento industrial para permitir que a economía vire cara a unha estrutura produtiva, e non especulativa, e a maiores taxas de crecemento.



x