Recuperar o espírito comunitario das romarías tradicionais. Con este obxectivo nacía o Convivio da Cultura Galega, que este ano suma a súa sexta edición na xornada do sábado, día 13, ao redor da figura de Manuel María, un dos principais dinamizadores do movemento cultural galego. Trátase dunha ocasión para afortalar o tan necesario asociacionismo de base, que traballa por construír unha cultura propiamente galega, dunha nación normalizada, máxime nun momento en que a nosa identidade real, a que nos vincula a todas e todos, fica sepultada. Tamén é a oportunidade para poñer en común experiencias, tecer liñas de traballo conxuntas e para valorizar as meritorias iniciativas das entidades de base galega e popular no camiño do cambio cultural que Galiza precisa.

Alén do convivio, esta fin de semana tamén se celebra a cultura galega co festival Abride a fiestra, da Fundación Rosalía de Castro, que organiza conferencias, presentacións de libros e actuacións musicais na Casa da Matanza, en Padrón, con motivo do aniversario do falecemento da máis grande escritora da Galiza.

E non só. A fin de semana do día 21, o asociacionismo de base, organizado na Federación Galiza Cultura, subirá máis un ano ao Pico Sagro para recuperar o espírito de Castelao coa lectura do “Alba de Gloria”. A cultura galega, aínda que silenciada, vive!