O embarrancamento do Blue Star o pasado 22 de novembro retrotraeu moitas galegas e galegos a outro día de novembro, 19 anos atrás: 19 de novembro de 2002 o Prestige afundía e provocaba coas súas 77.000 toneladas de ‘chapapote’ a maior marea negra da nosa historia. Naquel 2002 navegaron fronte ás nosas costas 12.440 barcos que transportaban mercadorías perigosas. Na actualidade os que o fan son perto de 13.000. Aumentou o número e, loxicamente, aumentou o risco. O que continúa sen se mover é o feito de que Galiza carece de competencias propias para facer fronte a este tipo de situacións, as competencias en seguridade marítima continúan exercéndose a máis de 500 quilómetros de aquí, en Madrid.

Aquela indignación pola ‘incompetencia’ de Xunta e Estado para xestionar o desastre do Prestige callou en Nunca Máis e unha das súas demandas foi esa: a transferencia á Galiza das competencias para facer fronte a este tipo de situacións. Competencias, medios e capacidades. O acontecido estes días co Blue Star obríganos a preguntarnos se aquela reclamación de 2002 amplamente apoiada pola sociedade galega foi atendida. O sucedido nestes días co petroleiro embarrancado na ría de Ares é unha resposta clara de que non.