Análise da Sentenza do Tribunal Supremo sobre a Ordenanza do Uso do Galego na Administración Municipal de Lugo

A Sentenza, que ratifica os pronunciamentos da Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, ameaza a tímida incorporación do galego ás institucións locais.

Aínda coñecendo a situación de desvantaxe histórica que padece a nosa lingua tras séculos de imposición do español, os tribunais mudaron os criterios que avalaban disposicións normativas que optaban por medidas favorecedoras da superación do histórico desequilibrio que sofren as linguas oficiais diferentes do español.

Hai anos que os tribunais veñen aplicando unha ideoloxizada interpretación das normas que impide a normalización das outras linguas oficiais

 

Hai anos que os tribunais veñen aplicando unha ideoloxizada interpretación das normas que impide a normalización das outras linguas oficiais que non sexan o español, freando en Galiza as cativas medidas normalizadoras que se adoptan dende as institucións públicas e amparando medidas galegófobas como o Decreto do “plurilingüismo”, que serviu para prohibir a impartición en galego de materias científico-técnicas (Matemáticas, Física, Química e Tecnoloxías) en Galiza. A nova tendencia é a españolización de canta normativa se dite, impedir que o galego avance en ámbitos nos que estivo secularmente proscrito. Asistimos a outra faceta da tensión centralizadora do Estado, agora protagonizada polo poder xudicial e dirixida contra a lingua galega.

Se comparamos ambas sentenzas recaídas, a do Decreto e a da Ordenanza de Lugo, poderemos ver a dobre vara de medir que aplica o Tribunal Supremo. A primeira alude “á competencia privativa” que detenta a Administración autonómica, dentro da marxe de oportunidade e conveniencia política que considere, para ditar medidas que poden ter efectos máis ou menos normalizadores, que poden mesmo prohibir a nosa lingua nas aulas, sen que a súa fiscalización sexa competencia xudicial. Ora ben, cando un concello decide dotarse dunha Ordenanza sobre o uso do galego, malia facelo tamén dentro da súa competencia privativa e, sen prohibir expresamente o uso do español, opta por medidas tendentes a corrixir positivamente a recoñecida situación histórica de desvantaxe con respeito ao español, daquela xa desaparecen os principios de oportunidade e conveniencia política, e convértese en obxecto de fiscalización xudicial.

A ideoloxía dos maxistrados do Tribunal Supremo aflora en toda a Sentenza

 

A ideoloxía dos maxistrados do Tribunal Supremo aflora en toda a Sentenza, especialmente cando repiten o verbo “impor” en referencia ao galego. Para eles, o galego é a lingua que se impón, cando en realidade é o español o que leva impóndose institucionalmente dende hai séculos en Galiza, imposición que seguimos a padecermos as galegofalantes.

O mellor exemplo desta interpretación ideoloxizada supono o apartado relativo á análise do artigo 3 da Ordenanza. A preexistencia de normas como a Lei 5/1997 de Administración Local de Galiza que fan prevalecer o galego converténdoa na lingua da tramitación, revélaselle incómoda aos maxistrados, que non poden menos que acatar a literalidade da norma para convalidar en grande medida o artigo 3 da Ordenanza, calco do artigo 7.1 da Lei 5/1997, coa excepción dos “rogos e preguntas” que “que ninguna norma impone que tengan que hacerse en gallego” refire literalmente a Sentenza.

Esta é a idea que paira na mente dos maxistrados: que o galego se impón

 

Esta é a idea que paira na mente dos maxistrados: que o galego se impón. Esta é unha falacia por varios motivos. É contraditorio afirmar que a lingua propia de Galiza, o galego, é obxecto de imposición. Acaso se impón o inglés en Inglaterra ou o francés en Francia? Pero o grave é a concepción que os maxistrados teñen respeito á  oficialidade do galego; a lingua galega nunca pode ficar nun plano de igualdade real co español, por iso o galego debe estar supeditado ao español, o que motivou a interposicióndo recurso de inconstitucionalidade contra a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística e tombaron daquela a obriga de coñecer o galego. E aínda se atreven a afirmar que o galego se impón.Agora continúan a practicara “Doma e Castración” Lingüística de Galiza.

Bo exemplo disto constitúeo o artigo 26.5 da Ordenanza. A sentenza chega a cuestionar a imperatividade dun termo como “valorarase”. O feito de que “se valore” significa non que se impoña a obriga de realizar a acción en galego, senón que se terá en conta de forma positiva á hora de puntuar para a concesión de subvencións. É legal, lexítimo e razoábel establecer criterios de puntuación para a concesión de subvencións que primen determinados aspectos sobre outros.

Preocupante resulta que a sentenza axuíce intencións e supostas pretensións, non o que a Ordenanza dispón, senón do que parece dispor. Recoñecendo que a Ordenanza non nega o carácter oficial do español ao manifestar que “es claro que lo que con sus previsiones se pretende, concretamente con la no mención expresa del castellano como lengua oficial, es crear al menos un estado de inseguridad”. É demasiado inconsistente a intencionalidade como para outorgarlle relevancia xurídica, mais o certo é que desta manifestación despréndese que o que o Tribunal realiza é unha interpretación de intencións. A Ordenanza, ao abeiro das competencias que o Concello ten, aspira a normalizar o galego en todos os ámbitos da institución: atención ao público, sinaléctica e rotulación, servizos que presta de forma externalizada, tramitación de documentación e expedientes,... e por iso a Ordenanza leva o título que leva: sobre o Uso do Galego na Administración Local.

Pero ademais, na súa función de prestadora de servizos públicos, o Concello de Lugo non esquece que debe garantir que estes sexan prestados en galego polas concesionarias, polos contratistas e polas entidades colaboradoras. A Sentenza vén desposuír os galegofalantes dos seus dereitos lingüísticos, impedindo a regulación de que os servizos prestados e as relacións entre contratistas e a institución sexan en galego.

Os tribunais terxiversan os dereitos e as obrigas dun cargo eleito ao desautorizar que deba expresarse en galego en actos de carácter institucional

 

Os tribunais terxiversan os dereitos e as obrigas dun cargo eleito ao desautorizar que deba expresarse en galego en actos de carácter institucional, é dicir, en actos que interveña por motivo do seu cargo, baixo o argumento de que “va en contra del derecho de toda persona al uso del castellano...”Un cargo eleito non é unha persoa calquera, senón que ten unhas obrigas e unhas responsabilidades inherentes ao seu cargo, estando ligado á institución, polo que non o ampara o dereito de escolla lingüística como a calquera cidadán na súa relación coa Administración. Coido que entra dentro da autonomía competencial da Administración local definir a lingua vehicular da institución e dos cargos eleitos que, en representación dela, interveñen en actos públicos con motivo do seu cargo, o que sobarda a súa esfera privada. Así como hai delito especial cando no autor concorre a específica cualificación tipificada, polo que o delito de malversación de caudais públicos require o carácter de autoridade ou funcionario, é dicir, existe unha responsabilidade penal especial por motivo do autor, acho absolutamente razoábel e comprensíbel que, en aras da protección e normalización que require o galego, se poida impor aos membros da corporación municipal a obriga de se expresaren en galego cando interveñan en actos públicos por motivo do seu cargo, por se tratar dunha tarefa inherente ao seu cargo.

O mesmo acontece coa formación profesional a impartir ao funcionariado en galego. Presupónselle coñecemento suficiente de galego a aquel funcionario público que  accedeu ao seu posto na función pública acreditando un coñecemento en lingua galega. Sería grotesco que alegase ignorala cando constituíu un requisito para o acceso, polo que nada lle impide formarse profesionalmente a través do galego como lingua vehicular.

As cativas disposicións aprobadas hai décadas para elevar administrativamente o status do galego aludindo á validez das actuacións administrativas realizadas en galego (e que non foron obxecto de posterior desenvolvemento) son truncadas e freado o seu pulo normalizador mediante a ultracorrección legalista que practican e impoñen estas sentenzas, botando por terra a timidísima introdución do galego nas institucións públicas. É un exercicio de humillación e sometemento baixo a escusa de velaren por unha igualdade dos cidadáns que non existe máis que nun plano exclusivamente formal e teórico. É un disfrace ao amparo dunha cooficialidade irreal.

Considéroa unha sentenza profundamente ideolóxica que axuíza intencións e non o que a Ordenanza dispón. Unha sentenza que obstaculiza ou, mellor dito, impide o desenvolvemento do espírito, filosofía e finalidade da cativa lexislación galega e da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas, e faino ao amparo dunha presunta -pero non adecuadamente probada- vulneración de dereitos dos españolfalantes, en detrimento clarísimo dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes, lastrando a normalización lingüística do galego.

Esta sentenza vulnera flagrantemente o principio de equidade, que se caracteriza por procurar unha solución xusta para o caso concreto, atendendo ás circunstancias particulares que concorren. Cómpre invocar a equidade por canto non se deu superado a situación histórica de desequilibrio e desvantaxe que sofre o galego, reproducida tantas veces na vulneración dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes, eque se amparana interpretación inxusta e torticeira da lexislación, consagrando así a omnipresente supremacía do español.