O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e o da Riada do Barco de Valdeorras veñen de presentar unha moción no Pleno Munícipal do Barco, solicitando co Concello da Coruña retire o nome da rúa que Sergio Peñamaría de Llano ten na sua cidade , así como o retrato do cadro de honra, amparándose na aplicación da Lei da Memoria Historica”52/2007 do 26 de Decembro. Dita moción, despois dunha emenda do Grupo Municipal Socialista, que modificaba lixeramente o xeito de dirixirse ao Concello da Coruña mais mantendo o fundamental do texto, foi aprobada por unanimidade, votando a favor incluso os cinco concelleiros e concelleiras do grupo Municipal do PP.

Peñamaria de Llano foi fascista de primeira hora, incorporándose voluntariamente ao bando franquista e figurando na Escala Militar dende 20/7/1936. Rematou o cursiño coma Alferez Provisional o 6/12/1936 , chegando como Tenente da Lexión a comarca de Valdeorras. Sendo fiscal xuridico militar co grao de comandante en posesión dunha medalla de “sufrimientos por la patria”, foi nomeado alcalde franquista da Coruña o 19 maio de 1959 ata o 4 de xullo de 1963. Tamén foi procurador en Cortes franquistas entre 1959 e 1963. Cargos concedidos polo ditador Franco como prebendas“polos servizos prestados” na salvaxe actuación de Peñamaria . Foi así mesmo presidente da “Hermandad de antiguos caballeros legionarios”, e como tal foi recibido por Franco 30/08/1973.

Peñamaria de Llano, natural da Fonsegrada, participou na brutal  represión na Comarca de Valdeorras como un dos dous tenentes do I Terzo da III Bandeira da Lexíón, asentada na Casa Grande de Viloira, onde casou cunha das fillas do propietario. Posteriormente exerceu no Corpo Xurídico do Exército, chegando ao grao de Xeneral Auditor, con pase a reserva no BOE do 7/3/1980 . Como tal ,exercendo de fiscal participou en varios Consellos de Guerra, sempre con dureza inusitada solicitando penas e morte e moitos anos de cárcere. Tal é o caso do Consello de Guerra celebrado 31/07/1947, onde os acusados foron previamente brutalmente torturados, e saldado con tres penas de morte e moitos anos de cárcere por pertencer o PCE. ( Aspectos deconocidos de la  Guerrilla del Llano, Luis Lamela García).. O outro tenente da Lexion compañeiro de Peñamaria de Llano  foi Camilo Garcia de Polavieja, fillo do xeneral Camilo Garcia Polavieja , cruel e salvaxe represor durante a guerra das Filipinas.  Camilo García  casou coa outra filla de Marcelino Suarez, dono da Casa Grande de Viloira e da empresa Caleras de Valdeorras.

Como tenente ao mando da Lexión na comarca de Valdeorras, a actuación de Peñamaría de Llano foi salvaxe e inhumana. Tal o atestiguan testemuñas presenciais de veciños de Valdeorras, documentación achegada por numerosos historiadores ou estudosos do tema, tal como Aurora Marco (Mulleres na Guerrilla Antifranquista), J.A. Gurriaran (As Mulleres do Monte), Felix García Yañez (O Barco e Terra de Valdeorras durante o franquismo…, ou o citado de Luis Lamela.

Peñamaría de Llano como tenente ao mando participou 18/10/1939, xa rematada a Guerra, na malleira dos veciños da aldea de Soulecin ( Concello do Barco), aos que obrigaron a presenciar a execución do matrimonio Domingo Rodriguez e Amalia Lopez, veciños da aldea, sen ningún tipo de acusación ou legalismo. Previamente, según relato da filla, Peñamaría de Llano sacou o matrimonio da cama a base de paus e posteriormente foi o executor do “tiro de graza”. Asi mesmo, como relata unha das testemuñas ”… colleron as cousas de valor da casa, e da corte, os porcos, as vacas e as galiñas que tiña a familia, e en carros levárono todos para O Barco”. Así é relatado en múltiples declaracións por Antonia Rodriguez e Consuelo Rodriguez, fillas do matrimonio, e por varios veciños de Soulecin.

Na aldea do Val (Concello de Rubia) 23/10/1939 a mesma Lexión cometeu o asasinato de Concepción Fernandez e a súa filla Remedios, aforcándoas dunha árbore, mallando veciños e veciñas para que fosen presenciar o crime, entre elas unha nena pequena filla de Remedios.Ían na percura da outra filla de Concepción, Felicitas, que tiña un mozo no monte. Ao non atopala, pois estaba no pobo de Xagoaza apañando castañas, vingáronse nas dúas mulleres inocentes. Como Concepción tardara en morrer un da lexión deulle o tiro de graza.

Son só dous dos datos contrastados e achegados por testemuñas familiares, documentación e historiadores que situan Peñamaria de LLano xa rematada a guerra como actor principal da represión da Comarca de Valdeorras. A sua política foi instaurar un réxime de terror, baseado no exercicio indiscriminado da violencia, independentemente da implicación das suas vítimas en feitos da guerra. Non só foi o brazo executor dunha actuación violenta e indiscriminada, exerceuna incluso mais aló da legalidade do Réxime e máis aló do deber militar. El como avogado sabíao perfectamente.

Pode ter unha rúa co se nome a cidade da Coruña, un perxonase desta catadura persoal e moral? Cos parámetros de calquera democracia Sergio Peñamaría de Llano sería condenado por calquera tribunal de dereitos humanos pola súa actuación posterior á Guerra Civil na comarca de Valdeorras. Delitos de “lesa humanidade” que en todo caso non teñen prescrición. Como tal figura no artículo 7 do Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional, de data 17 de xulio de 1998. O Estatuto de Roma foi ratificado polo Estado Español en 2002, e incorporado na LO 15/2003ó Código Penal español, co agravante no caso de Peñamaría de Llano de autoridade militar.

O Concello da Coruña ten aprobados nos seus Plenos numerosas mudanzas do rueiro da Cidade en aplicación da “Lei da Memoria Historica”. Independentemente das suas actuacións posteriores como alcalde, a teor dos datos da inmediata posguerra e pola dignidade da cidade, a dignidade dos veciños, veciñas e familiares dos represaliados da Comarca de Valdeorras, o Concello debería, por iniciativa propia, retirarlle esa distinción a Sergio Peñamaria de Llano