Se nos preguntaran: e ti, por que falas galego? Que é o que te motiva a empregar o galego?

Ou doutro xeito: se a un galego falante de castelán lle preguntásemos “por que cres que se fala o galego? Por que cres que é importante?” Quizabes a resposta deste último sería falar da súa morte, é dicir, apoiarse no motivo da mágoa que nos daría (ou que nos dá) que se perda. Incluso é probábel que moitos destes “nados en Galiza, falantes de castelán” se sentiran mal ao cuestionárenlles o porqué da súa propia forma de expresión verbal, que lle é en realidade allea a esa identidade coa que se atopan inseridos: a forma galega de ver e entender o mundo, pero teimudamente, non de falalo.

Porque é galego, por moito que non o fale, cando se pelexa por pagar, cando di que ten morriña ou cando bota en falta o caldo da avoa. Calquera deses típicos tópicos que todos coñecemos, e tamén desas cousas tan propias que nin sequera somos capaces de percibir, e moito menos de recoñecer.

Son todas esas maneira de actuar, de comportarnos… que non nos plantexamos. Non temos a necesidade de procurarlle un porqué nin un porqué non a quen somos. E iso é o lóxico. O ilóxico está na continua necesidade de facer case que unha análise DAFO de porqué ser galegos. Pero pasámonos a vida facendo unha lista de “vantaxes e desvantaxes” sobre falar galego. É necesario? Quizabes, o mellor tampouco é ter unha morriña eterna, pero témola. Analizas todos os seus pros e contras? Non, simplemente, somos. Porque no ser está a marabilla do humano, único e diferente dentro da mesma especie.

Pero coa lingua, aínda que a teoría semella que a sabemos case coma unha oración do noso señor, ocorre algo totalmente distinto. Temos mil motivos para falar galego os que xa somos galego-falantes, e os que non o son; teñen mil e un: comenzar a facelo. Por que temos que estar entón na continua loita, teima e defensa de que se fale?

O problema reside precisamente en ter demasiados motivos, mais poucas motivacións.como adoitamos dicir nos nosos puntuais momentos de poetisas e filósofas das redes sociais:

“Hai razóns que o corazón non entende”

Ou mesmo que:

“o sentido común é o menos común de tódolos sentidos”

Isto ocorre porque o ser humano é racionalmente irracional. E ás veces, as razóns sóbranos para o que nos falta, neste caso: falar o idioma propio. Con todo isto, o que pretendo dicir é que quizabes, a maior problemática do uso do galego é ter que dar razón.

Ter que buscar o: para que? Porque non o facemos de por si. Facémolo por mil motivos, pero a realidade dinos que o máis sinxelo sería abandónalo e sucumbir á vida preparada para a lingua dominante, a maiorizada; que no noso caso é o castelán, pero podería ser calquera outra.

Por iso digo que o falante de galego é, en realidade, un galego mártir, xa que sabemos que sufrirá numerosas barreiras e dificultades para poder vivir un día normal, e que probábelmente terá que mudar cara o castelán nalgún momento, porque efectivamente, faise necesario. Por iso falar o galego é de valentes, e amor propio, orgullo… deses millóns de motivos que precisamos poñer para facer fronte á desmotivación constante de vivir nun mundo que non está preparado para el.

Pero o único motivo que deberiamos poñer. E nin sequera poñer nin pensar, tan só limitarse a actuar acorde a el é o: “porque me peta e quero e dame a gaña”.

Porque non temos que ser mártires. Non temos que dar motivos para facer fronte a adversidades. Temos que ser nós. E iso implica o irracional de falar unha lingua aínda cando non temos razóns.