No escaso prazo dun mes tivemos varias novas que teñen a ver co sector eléctrico; a primeira veu en formato de Real Decreto-Lei, confirmando o actual Goberno Central o pacto (de Estado) conseguido polo PNV co anterior Goberno do PP, que baixo unha argumentación técnica consegue un significativo aforro económico na tarifa eléctrica a 1.200 industrias do Estado, delas 1.100 vascas (Euskadi e Nafarroa).

Outra procede de Huesca, alí a Deputación Provincial, a iniciativa do PSOE, aprobaba por unanimidade demandar unha Tarifa Eléctrica propia, un 20% máis barata. Pola súa condición de produtores de enerxía hidráulica, consideraban que non debían pagar o custo do transporte de enerxía.
Xa máis recentemente coñecemos o anuncio de Alcoa, que pretende pechar o centro de A Coruña; entre outros motivos, alega o alto prezo da electricidade e a incerteza que xera o sistema de poxas anuais de interrompibilidade.

Por último tamén falou o Tribunal Supremo a respecto dos Suplementos Territoriais da tarifa eléctrica, que no conxunto do Estado son 111 millóns, dos cales a Galiza correspóndenlle 38 millóns (o 34% do Estado). Estaba previsto que se empezasen a cobrar dende abril de 2019, e agora vaise adiantar o seu pago ao 30 de novembro deste ano.

A Deputación Provincial de Huesca, a iniciativa do PSOE, aprobaba por unanimidade demandar unha Tarifa Eléctrica propia, un 20% máis barata

Todo isto en só un mes. E que fai o Goberno Galego? Pois o que fixo sempre, estar de espectador ou, mellor dito, de cómplice necesario
Para que lle serve a Galiza ter unha parte significativa do seu territorio adicado á produción eléctrica? Para que lle serve ter tantas e tan diferentes tecnoloxías de produción: eólica, hidráulica, térmica de carbón, de gas, biomasa, etc., liñas de transporte e distribución, actividades que moitas veces delimitan o uso do territorio? Para que serve ser exportadores na produción eléctrica. Para que serve ser solidarios/as nos costes extrapeninsulares ou coa euskopeaxe?

Segundo Feixoo, "ningún español entendería unha Tarifa Eléctrica para Galiza". Si, o mesmo Feixoo que nun recente Pleno do Parlamento rexeitaba esta Tarifa como "fórmula máxica do nacionalismo".