Agora mesmo estou dando aulas de lingua e literatura galega nun instituto público e preciso contar algo insólito que sucedeu estes días que revela o incríbel o efecto que produciu e produce o libro de Nacho Carretero na nosa sociedade. Vin a serie e lin o libro na súa versión en castelán (aínda non sabía que Xerais tiña preparada tamén unha en galego) e sabía do seu éxito na cota de audiencia mais estes días estou vivindo verdadeiramente en primeira persoa o impacto real e a marca que está a deixar entre galegas e galegos.

Proposta de selección. En primeiro lugar, sorprendeume que alumnado de 4º da ESO mo propuxese como libro de lectura obrigatoria para alén de toda unha consistente e variada listaxe selectiva de títulos que tiña preparada o Departamento de Galego do instituto. Após lermos todos os títulos e de facer unha preselección cos que máis lles gustaban, un alumno engade: “Profe, e podemos ler o libro de Fariña?” Inmediatamente, dixen que si, que podía ser un dos libros candidatos para a lectura polo ben que está escrito, pola alegación á liberdade de expresión en que se converteu, pola capacidade de enganchar novos/as lectores/as, pola súa potencialidade de crear pensamento crítico fronte a un tema tan importante nestas idades e porque non cría que houbese moitos libros de 300 páxinas que a mocidade quixese ler con tanto ímpeto. Obviamente, tiñan (e teñen) que ler a versión en galego. Fixemos a segunda votación para ver os tres libros con máis apoios e, de entre eles, Fariña non só foi o candidato con máis votos senón tamén o que foi o escollido xa para a 1ª avaliación.

A lectura. Agora ben, neste momento, xa puxemos a data para facermos un control de lectura e fíxenme cun exemplar da óptima edición que Xerais imprimiu no mes de marzo para lelo agora na lingua do país. Mais aquí é onde chega a segunda sorpresa. Para o ler, ademais de dedicarlle boa parte do meu tempo libre que teño fóra do centro, tamén aproveito calquera intre (recreos, gardas ou horas mortas...) para meterlle e ollo e (e aquí é onde está o realmente curioso), cada vez que alguén identifica a portada ou le o título xa de lonxe, vén pouco a pouco achegándose para me dicir: “Ah, estás a ler Fariña. Eu vin a serie. Encantoume.” E pódese ver como lles brillan os ollos ao falar do libro (e da serie).

A promesa e o segredo. Xúrovos que, se conto isto, é porque nunca antes me pasara cousa igual con ningún outro libro tanto na aula como na sala de profesorado. Non era a primeira vez que alguén se me achegaba para ver que libro estaba a ler mais si cunha confianza inusitada que mesmo me produciu un certo medo e temor, dado o meu carácter reservado, de o sacar do maletín en lugares públicos.