É triste, moi triste, vivir nunha sociedade onde algúns que se pretenden intelectuais, no canto de preocupárense de analizar o pasado en función das perspectivas de futuro do país, e mesmo dos erros que se puidesen cometer na acción política para non se volveren repetir, actúan movidos por un odio, unha animosidade e un interese por demonizar certas persoas que non ten o mínimo sustento racional, como non sexa o de apuntarse a un deporte que consideran proveitoso para si. Sei que o ego, o egocentrismo, o afán de notoriedade, tan estremo como falto do mínimo esforzo e calidade intelectual nos resultados, acompaña en moitas ocasións este comportamento. Porén, non acredito que se poda nin deba xustificar só por este risco da personalidade, moi característico de contextos sociais nos que, como meterse co inimigo real resulta custoso, excesivamente problemático e con consecuencias non desexadas, mállase en quen non só non é responsábel da situación, senón en quen se esforzou e esforza por mudala. Non sei se isto produce algunha satisfacción psicolóxica. Tampouco sei se os beneficios persoais, do tipo que foren, son moitos. Algo haberá cando o recurso a esta táctica se dá con máis frecuencia da que fose de desexar en lembranzas biográficas que pretenden xustificar a importancia e mesmo o carácter exemplar da propia vida nalgún aspecto.

O egocentrismo, o afán de notoriedade, tan estremo como falto do mínimo esforzo e calidade intelectual nos resultados, acompaña en moitas ocasións este comportamento

 

Dentro deste dinámica, paréceme aínda máis grave, e moralmente penoso, o recurso á manipulación, á mentira e mesmo á percepción do pasado con consciencia de que se fai desde os intereses persoais do presente e co único afán do desprestixio de outros, neste caso da miña persoa. Refírome á referencia que fai a ela nas súas memorias María Xosé Queizán. Non me preocupa  o que pense de min. Tampouco teño especial interese en saber a súa interpretación do pasado nin do presente, pois simplemente teño outras ocupacións máis urxentes e máis positivas. Simplemente fun advertido de que nelas aparezo de pasada para converterme en albo do consabido odio contra a UPG. Nada novo baixo o sol en moitas covachas non precisamente célticas. 

Debo comezar por advertir que non vivín o meu pasado tomando nota e apuntando o que fixen e dixen, e moito menos coa crenza ou pretensión de no futuro recorrer a un axuste de contas. Simplemente dediqueime a traballar o mellor que puiden e souben para Galiza ser consciente de si en todos os campos, separando a miña vida íntima da pública, por necesidade e por virtude. Naturalmente, como non vivín de aparencias nin aspirei nunca a nada no terreo da política, traballei por abaixo, din a cara socialmente. Sabía ao que me expuña e asumino como unha consecuencia lóxica do meu compromiso. Nada máis. Dito isto, debo advertir, por se alguén imaxina o contrario, que a miña relación con María Xosé Queizán foi moi puntual, non habitual e de pasada. Apenas tiven trato ou roce persoal ou político con ela. Desde logo non participei en célula algunha da UPG na que ela estivera presente. Nunca tivemos discusión ou confrontación aceda de ningún tipo. Simplemente vivíamos en mundos distintos. Quedáronme tres imaxes visuais dela: unha, debeu ser en 1972 ou 1973, nunha excursión da Asociación Cultural de Vigo a Ourense (Celanova?), onde eu traballaba como profesor: véxoa xunto ao seu fillo, perto dun regato (?) e un autobús. Outra é precisamente a única visita que fixen á súa casa e unha terceira, para min a máis positiva, debeu ser nun intento de manifestación o Día da Patria Galega en 1975 (?). A partir de aí, se algunha vez falamos foi por vernos de casualidade...

Non vivín o meu pasado tomando nota e apuntando o que fixen e dixen, e moito menos coa crenza ou pretensión de no futuro recorrer a un axuste de contas

 

Pois ben, resulta que eu son nada menos que o responsábel do intento de "controlar a situación" para que non se derivase "mancha social" da imaxe da súa separación de Ferrín. Segundo a súa versión, visitei a súa casa para "ter unha versión do asunto e saber que decisión tomar". A verdade é que non lembro cal foi o motivo polo que eu visitei a súa casa. Sempre pensei que fora mesmo antes da miña marcha de Ourense para Vigo e Cangas. Comezarei por subliñar que, na súa versión, hai un indicio grave de moverse con falsidade e prexuízos:  "...esa é e non outra quen tomaba decisións na UPG", di referíndose á miña persoa. Ben ou mal tomadas, as decisións eran dos órganos. Polo demais, non hai ninguén, cun mínimo de honestidade que militase entón na UPG, que non saiba que a única figura relevante pola súa autoridade persoal interna entón era Xosé Manuel González, Pepiño. Precisamente, o meu labor, alén de todo o traballo sindical que facía e o proselitista no ámbito cultural e educativo, foi montar en compaña dun mociño estudante a ANPG co que se consideraba pequena burguesía viguesa. Desde o punto de vista orgánico, nas condicións de clandestinidade, eu estaba á marxe dos centros de decisión máis íntimos.

O segundo indicio revelador é cando recoñece que "non lembro toda a conversa". Porén, afirma de forma rotunda que, ao despedirme no hall da casa, "reprochoume a insubmisión e que non me adaptase ao rol propio dunha muller casada". Aquí debo afirmar que esta concepción na miña boca, en calquera idade da miña vida, é un imposíbel, unha mudanza interesada dunha conversa política en conveniente lixo para excitar a irritación e a repulsa contra min. Calquera persoa que me coñeza e que convivise comigo sabe que esa frase, con ese contido, non saíu da miña boca. Tan é así que a imaxe que teño xustamente cando me abriron a porta da súa casa para entrar é a dunha criada con cofia. Esta si me quedou para o resto da miña vida. Non a esquecín. Porque unha imaxe vale máis que mil palabras. E, en vista do que teño que ler, non me queda máis remedio que contar. Sobre a frase que me atribúe relativa á muller de Casares, mesmo como a concreta literalmente, a verdade é que non sei se é unha protesta ou denuncia crítica ou unha chamada á submisión. 

Non hai ninguén, cun mínimo de honestidade que militase entón na UPG, que non saiba que a única figura relevante pola súa autoridade persoal interna entón era Xosé Manuel González, Pepiño

 

As persoas que tiñamos unha militancia política en condicións de clandestinidade e contracorrente podemos desenvolver hábitos viciados, desenvolvernos cun criterio endogámico e mesmo dogmático. Pero non hai que esquecer que a tipoloxía desta militancia comunista ou nacionalista no que atinxía a cuestións de moralidade, sexualidade, matrimonio, como na forma de comportamento social e humano, non foi nunca homoxénea. Pódense crer moitas cousas, pero acreditar que á altura de 1974 unha separación suscitase disensión, crítica ou desagrado nesa militancia, e un intento de evitar que se consumase por parte dun partido por moi estalinista que fose, é unha historieta para vender nunha feira de imposturas pseudofeministas. Outra cousa é que tiver consecuencias que afectasen á vida interna ou a outros militantes ou á imaxe social do partido por actuacións ou comportamentos non acordes co que se di pensar e defender. Desde logo, podo asegurar que vivín esa situación como algo distante, alleo, pois, entre outras cousas, non formaba parte do grupo social en que María Xosé Queizán se movía nin tampouco no que se movía Ferrín. Non terei que aclarar que tampouco tiña ningunha relación persoal co seu marido que me levase a tomar unha posición ou outra. 

Calquera persoa que me coñeza e que convivise comigo sabe que esa frase, con ese contido, non saíu da miña boca

 

Por último, a proba do algodón. O resultado cal foi? Di María Xosé Queizán que "el foi expulsado da organización e eu seguín na UPG".  Nin sequera sei se Ferrín foi expulsado ou se se foi el xa en 1972, nunha baixa para a que aduciu estar en crise persoal. Debemos logo deducir que a sentenza partidaria foi absolvela a ela e condenar o seu marido? Seguro que non. Simplemente, non houbo ningún xuízo partidario causado pola separación. Eu, desde logo, non o vivín. Acabarei expresando que cada quen pode tomar perante a historia vivida a posición que queira. O que non é de recibo é acomodar as propias vivencias persoais de hai case 50 anos a unha visión adecuada para os intereses políticos e individuais que se podan ter agora, sexan estes cais fosen. E facelo, con evidente afán de denigrar a outros, simplemente por resultar conveniente, é unha inmoralidade en toda regra.