Son libres de non gustar de nós. Tampouco nós gustamos deles,
 agora que á fin tiraron a máscara e vemos o seu rostro asañado"

 

Suso de Toro
 

Esta cuarta feira foran presos todo o día os alcaldes de Verges e de Celrà (Girona) xunto con outros 15 activistas vinculados aos CDR, por + supostos delitos de “desordens públicas no cabodano do 1 de Outubro". Foran detidos na porta da casa e engrilloados. Porén, desde o inicio non foi coñecida a autoria do atestado policial por teren exercido hai varios meses lexítimo dereito á reunión e á manifestación pacífica. A Polícia Nacional montou un dispositivo mesmo espetacular, con detencións no meio da rúa con axentes encapuzados que nalguns casos non se identificaran no inicio, con unha clara fasquía intimidadora. É unha denúncia xeral —neste caso, Adif contra as persoas que participaran do protesto na estación de Girona en 1 de outubro, un ano após o referendo— que poderia ter sido resolvido con citacións para  ir voluntariamente a testemuñar. Contrariamente ao acontecido, xa que de repente foran presos e inmobilizados nun carro da policía sen saber onde os conducían e sen cobertura dun xuiz.

Estas detencións arbitrarias sen citación xudicial —que inclúe tamén a detención dun fotoxornalista— ocorreran co PSOE no goberno do Estado. Máis unha vez, tórnase claro que todos os aparatos do Estado, desde os poderes executivo, lexislativo e xudicial ás forzas seguranza do status quo, axen de brazo dado. O "estado profundo" pertence á etioloxía do medo. Segundo Heidegger o medo aparece cando o "lar da esfera pública" e da "interpretación pública"  (os fundamentos da democracia liberal, o estado de dereito e os alicerces do pluralismo) esborrallan, dando lugar ao in-hóspito. E está a se tornar claro que a diversidade no estado español só permite as diferenzas que están de acordo co sistema. Un estado que só acepta a homoxeneización sen hospitalidade. Kant advertía que a hospitalidade vincula a razón e o dereito. E España non acepta nen quer tomar conciencia de si mesma, de aceptar o que en realidade é sen condicións. O que ten provocado non poucos "desgustos sentimentais" a Suso de Toro cuxa sentenza "non nos queren tal e como somos" fai ver xustamente o caracter in-hóspito da regurxitación españolista. Encanto se comporta pacificamente, un extranxeiro no "seu" país  ten dereito de estancia noutro país cando é apercibido como unha carga. O dereito a decidir non é unha noción utópica, mas idea vinculante da razón.

Nun estado de dereito o in-hóspito substánciase na persecución policial e xudicial dos opositores políticos. Os dereitos e liberdades fundamentais non son respeitados cando un funcionario que se autodefine como "responsábel instructor" sen orde ou instrución xudicial, seguindo o seu "criterio profesional", procede a deter dous representantes públicos da CUP. Este funcionario axiu sempre desta maneira? No estado español hai unidades policiais que van por libre? No tempero hai cada vez mais sal groso.

Nun estado de dereito o in-hóspito substánciase na persecución policial e xudicial dos opositores políticos

 

A estratexia da xudicialización da política através da persecución, detención e, se necesario, prisión dos partidários dunha lexítima opción política. Os tribunais de xustiza españois, que deben ser a garantía do Estado de Direito e o respeito e garantia do exercício dos direitos e liberdades fundamentais, foran instituídos para resolver un conflito político que axiu contra a oposición política. Estamos a asistir, no marco da causa xeral contra o independentismo, á criazón dun escenario de ilegalización dunha determinada opción política? Coa aplicación do artigo 155 o estado español derivou aos tribunais de xustiza e á policia a resolución dun conflito de natureza política. Sendo un conflito político o seu xuizo no Tribunal Supremo non é outra cousa que un xuizo político. De aí que os encausados estén a se defender neses termos —a vulneración de dereitos— xa que non fai sentido tentar proba a inocencia cando non se recoñece ter cometido delito.

Tendo en conta estas detencións o "xuízo" do que falan as instancias do estado español non ten a ver co que enxergamos por xuízo. É mesmo oposto. Estas detencións preventivas de representantes públicos sen orde xudicial por presuntos delitos de desordens públicas vén inserida na "lei mordaza" que lle dá cobertura de brazo dado de quen acredita (Vox, PP, Cs e sectores do PSOE) que a solución pasa pola represión policial e polos cortes de liberdade e contribúee, da mesma forma, á des-realización progresiva dos alicerces da democracia e dun sistema  penal retributivo e proporcionado en base a dereitos civís fundamentais, como o direito de manifestación, a liberdade de expresión ou mesmo o exercício do xornalismo sen coacción. Regresión de dereitos que comezou na Cataluña coa detención e enxuizamento dos Jordis e continuou coa detención da Tamara Carrasco et alii. Que a polícia teña o poder de prender alguén para obter unha declaración antes de o levar ao xulgado, mas neste caso non habia razón obxetiva, xa que non había risco de fuga após tres meses dos feitos alegados.

Tendo en conta estas detencións o "xuízo" do que falan as instancias do estado español non ten a ver co que enxergamos por xuízo

 

Talvez porque se está a procurar a desmobilización a cidadanía e, por outro lado, causar explosións de violencia nas ruas. Procúrase intimidar para provocar unha resposta violenta que xustifique a represión. Porén, o que está a acontecer non ten como único obxetivo a persecución e disolución dunha lextíma opción política catalá. Usan Cataluña como coartada para disciplinarnos.