Coma se dunha profecía autocumprida se tratase, en moitas eleccións parecía aquilo de que “Galicia é de dereitas”. En xerais, municipais, europeas ou autonómicas, o PP aparecía como a forza máis votada polos galegos e as galegas.

Porén, o pasado 28 abril isto mudou. Conscientes da importancia do noso voto, acudimos masivamente ás urnas e fixemos aflorar unha nova realidade: que en Galicia existe unha maioría progresista que non está disposta a deixar o seu país en mans da dereita e a ultradereita.

Tres de cada catro cidadáns participaron nos comicios, e o 55%, máis da metade, fíxoo para seguir impulsando o progreso e o avance, avalando de forma maioritaria o PSdeG-PSOE. Pola contra, o 44% que elixiu a papeleta dalgunha das tres forzas que evocan o pasado desminte a afirmación de Feijóo de que a culpa da súa derrota electoral foi a división.

Porque a explicación do rotundo non que recibiu de Galicia atópase no fracaso do seu proxecto para a comunidade, nos seus ataques ás cidades e no seu abandono do medio rural, e na súa complicidade coa extrema dereita.

É por iso que o vindeiro domingo de novo temos que acudir a votar. Para impulsar o progreso dende as nosas vilas e cidades, para ratificar o rexeitamento á dereita reaccionaria e para deixar claro a Feijóo que non acreditamos no seu pseudo xiro ao centro, que non existiría no caso de sumar con Ciudadanos e Vox o suficiente como para investir presidente.

Co noso voto podemos dicir todo isto, e tamén encarar o cambio de rumbo que Galicia necesita con concellos fortes e progresistas. Será o primeiro paso para empezar a construír a Galicia do futuro, a Galicia que queres.