Este domingo temos unha cita fundamental. Estamos convocados e convocadas a unhas eleccións cuxa transcendencia non ten parangón con comicios anteriores, pois o que está en xogo non é só quen rexerá o país nos vindeiros catro anos, senón o tipo de sociedade que queremos construír.

Elixiremos, por tanto, se queremos seguir transitando pola senda dos avances e da conquista de novas liberdades ou se arriscamos moito do conquirido nestes últimos 40 anos. É certo que queda moito por facer, pero non podemos retroceder nos dereitos das mulleres, na tolerancia sobre a que edificamos o noso modelo de sociedade e na aposta polo sistema de benestar e os servizos públicos.

Por iso, os e as socialistas convocamos a toda a sociedade a participar nestas eleccións, e a facelo tendo en conta que o PSOE é o único partido coa fortaleza suficiente para vencer a unha dereita que virou á ultradereita e que está disposta a todo para facerse co poder. E se lle dan os votos, darase o pacto das dereitas coa ultradereita, que xa se produciu en Andalucía.

Non podemos deixar que se repita ese pacto agora en España. Así pois, necesitamos que o voto de toda a cidadanía progresista, dos e das que senten a esquerda e dos e das que queren defender a Galicia, se aglutine en torno ao PSdeG-PSOE.

Pedimos, por tanto, a confianza de todos e de todas, con independencia de que no pasado teñan optado por outras opcións de esquerdas ou nacionalistas, ou de que apoiaran ao PP ou Ciudadanos crendo estar sumándose a unha opción moderada ou de centro que hoxe xa non representan.

Non perdamos un minuto, porque se non imos votar [email protected] os que queremos avanzar, a ultradereita sairá gañando.