Un século despois de que as Irmandades da Fala acordasen sinalar o 25 de Xullo como unha xornada de festividade e de reivindicación, se ben é moito o que temos acadado, aínda estamos lonxe de conquerir o progreso e o benestar que Galicia merece.

Na liña do pensamento que deixou plasmado Antón Fraguas, homenaxeado este ano no Día das Letras, de que “ser galeguista non é mais que ser amante da nosa terra”, os socialistas galegos pulamos por un futuro mellor para o país: para a mocidade, para os maiores, para as mulleres; para as vilas e pobos e para as cidades; para a nosa lingua e a nosa cultura, e tamén para deseñar unha economía ao servizo das persoas.

O compromiso galeguista do PSdeG afunde as súas raíces na procura dun novo tempo baseado no pulo da promoción da igualdade, na modernización, no reequilibrio territorial, na protección da natureza, na aposta polas novas tecnoloxías, no desenvolvemento do autogoberno, na extensión dos servizos e na xeración de oportunidades para todos e todas.

As recentes convocatorias electorais deixaron en evidencia que existe unha nova maioría social en Galicia; unha maioría que quere un novo rumbo tras unha década perdida, e que quere que o progreso, a liberdade, o benestar, a solidariedade, a ilusión e o progreso sexan os sinais que identifiquen o tempo que está por vir.

Como socialista e como representante dun galeguismo progresista e comprometido coa nosa terra, teño posto o meu corazón e a miña cabeza ao servizo dun proxecto de futuro para Galicia: unha alternativa política na que se pode confiar e que non renuncia a construír o mellor porvir para os nosos fillos.