O momento é decisivo. O Pazo de Meirás pode volver ser ben público mais a presentación da demanda por parte de Patrimonio Nacional é urxente. O tempo corre á contra e se o Goberno Central non actúa de maneira inmediata estaría comentendo unha irresponsabilidade histórica.

Nesta altura, temos a certeza de que o PSOE (como aconteceu con Pepe Blanco cando se opuxo a abrir unha Comisión de Investigación do Alvia) se arrepentirá da súa irresponsabilidade por non presentar a demanda contra os Franco, cando sabemos que, para alén dos informes da Deputación e do Parlamento, estivo traballando a avogacía do Estado en colaboración cos estudiosos na materia e teñen a demanda pronta con nova e poderosa documentación para conseguir que o Pazo de Meirás sexa Patrimonio Público.

Cando o pasado ano tivemos nas nosas mans o informe xurídico elaborado por un equipo dirixido polo profesor Xabier Ferreira, soubemos que esa era a ferramenta necesaria para recuperar por fin o Pazo de Meirás como patrimonio público.

O documento chegaba despois de décadas de mobilizacións sociais para poñer fin ao espolio que mantén en mans da familia de Francisco Franco un inmóbel conseguido polos privilexios da súa condición de ditador. A iniciativa da Deputación da Coruña, por encargo da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, creada para darlle a volta  a aquel comité que encabezou o proceso do espolio, encargáronse dous informes, un histórico e outros xurídico que son agora pezas clave para a recuperación do pazo.

O estudo xurídico, baseado na investigación histórica elaborada por Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro Meirás,un pazo, un caudillo, un espolio, formulaba unha argumentación que abría ás portas á presentación dunha demanda con consistencia. O réxime tería preparado un proceso ficticio de venda simulada no ano 1941 como unha operación privada para que o que o inmóbel que tres anos antes, en 1938, fora doado ao Xefe do Estado pasara a ser propiedade persoal de Francisco Franco. É dicir, unha venda falsa sen intercambio de diñeiro, dun pazo que o ditador estaba xa utilizando como residencia de verán e sede de, entre outros actos, xuntas do goberno ditatorial. Documentos como o pergamiño de doazón confirman que Franco recibiu o Pazo de Meirás na súa condición de Xefe do Estado, é dicir, son probas irrefutábeis da súa condición de ben público.

Mais, o informe xurídico elaborado por Xabier Ferreira, dá un paso adiante e conclúe que, á vista das contundentes probas, é Patrimonio Nacional ou, en todo caso, unha instancia do Estado, quen ten que promover a demanda, para ter maiores posibilidades de éxito porque todos os indicios conclúen son os que posúen maior lexitimidade xurídica para reclamar a titularidade da propiedade.

O informe encargado posteriormente polo Parlamento Galego seguía claramente a liña do noso estudo xurídico, e cos dous documentos sobre a mesa, o Director Xeral da Memoria Histórica do goberno central, Fernando Martínez, trasladounos a decisión de, despois dun proceso de asesoramento con especialistas e persoas estudosas do tema, presentar finalmente a demanda..

Sen entrarmos en pormenores que darían pistas á familia Franco na súa ilexítima defensa da propiedade, pois as posibilidades de éxito son aínda máis altas ao ser localizada documentación relevante que reafirma a tese sostida polo informe xurídico da Deputación da Coruña, temos a certeza de que hai indicios máis que suficientes para gañar esta demanda. É preciso facer todo o necesario para que o prazo de Meirás sexa patrimonio público e,  por tanto,  solicitamos ao goberno central que se presente o máis axiña posible e que non se deixe pasar esta oportunidade histórica.  Apelamos de maneira directa ao goberno do Estado a que mova ficha porque a pelota está no seu tellado e, de non facelo, o traballo promovido durante décadas polos movementos de recuperación da memoria podería verse prexudicado por un atraso que consideramos inxustificábel nesta altura.

Ao noso ver, sería incomprensíbel e unha enorme irresponsabilidade política -e así llo fixemos chegar ao Director Xeral da Memoria Histórica- a inacción neste momento xa que, neste proceso, os prazos teñen unha especial relevancia e pódese estar deixando pasar unha posibilidade histórica de rematar cunha anomalía democrática.

A última estación para conseguir finalmente que o Pazo de Meirás volva a ser ben público pasa por presentar de maneira urxente a demanda xudicial. De non facelo, poderíamos perder o último tren para conseguilo, e iso sería un acto de inxustiza con todas as persoas que tiveron que padecer a represión franquista, para as que a recuperación do simbólico inmóbel significa tamén poñer fin a un espolio histórico.