Somos un país de auga, o país dos dez mil ríos de Cunqueiro, de ríos que nos van percorrendo como unha xigantesca rede neuronal configuradora de paisaxe e de vida. De feito, na Galiza, temos catro veces máis beira de río que de costa. A auga é literatura, mitoloxía, identidade, símboloxía e tamén un ben e recurso indispensábel moi escaso no planeta. De todas as augas existentes no planeta só un 2,5% son doces e, destas, o 70% están nos glaciares e calotas polares. Apenas o 1% da auga do mundo mantén a vida na Terra, razón da cobiza para beneficiarse da súa esaseza; razón da a súa privatización e apoderamento, desposuíndo comunidades e pisoteando soberanías. E este ben esencial e insustituíbel está sendo ameazado pola voracidade dun sistema que considera o lucro o valor fundamental nas relacións humanas e a desigualdade e a miseria un destino necesario. Así, a xeopolítica e o negocio da auga están no obxectivo das multinacionais e das potencias que as amparan

Unha mudanza climática inegábel, a desertificación e a degradación das terras, a modificación dos cursos fluviais e das chairas de anegación, a destrución dos bosques de ribeira, a explotación abusiva de acuíferos, a contaminación, as cantidades inxentes para a irrigación, para o lecer e para a produción de enerxía, entre outras causas, están a producir alteracións de consecuencias impredecibeis dos fluxos e da cantidade de auga dispoñíbel para o equilibrio natural e para as necesidades humanas. A falla de auga é causa de pobreza e un severo límite para o progreso e o benestar das poboacións que a padecen. Na actualidade case que mil millóns de persoas non teñen acceso a auga potábel, arredor de dous mil seiscentos millóns viven sen saneamento axeitado, máis de mil oitocentos millóns consumen auga contaminada e unhas cinco mil crianzas morren a diario por estas causas. Por isto a auga ten de ser considerada un ben común ligado ao dereito á vida e por isto a Asemblea Xeral das Naciós Unidas adoptou, o 28 de xullo de 2010, unha resolución na que se declara o dereito á auga e ao saneamento como un dereito humano esencial para o goce da vida e dos demás dereitos.

Mais, vistos os focos de tensión existentes sobre o control dos recursos globais, a xestión dos recursos hídricos estase a converter nunha cuestión estratéxica sendo moitas as voces que alertan de que a auga doce pode ser a fonte potencial de conflitos máis importante neste século dada a súa influencia directa sobre a economía e, xa que logo, sobre a estabilidade política dos Estados. O modelo imperante de acumulación de capital precisa do desmantelamento de calquera asomo de soberanía sobre todo o que poida ser obxecto de apropiación privada, material ou inmaterial; os territorios e comunidades que non poidan ou que renuncien a asegurar e garantir dereitos sobre os seus medios e recursos veranse desposuídos dos mesmos na cadea de saqueo global, ficando obrigados a unha dependencia extrema para o acceso aos mesmos, independentemente da súa abundancia. Pois ben, estase a comprobar que a Península Ibérica é un territorio de risco elevado fronte aos fenómenos hidro-climáticos, risco agravado pola acción humana, e onde a lóxica desconfianza de Portugal respecto a España debería servirnos de advertencia.

Os dous tercios das concas portuguesas son internacionais, ao compartiren ríos co Estado español, e o 67% dos seus recursos hídricos proveñen delas. Hai dous anos un artigo publicado por Marco Antonio Batista Martins e Fernando Miguel Magano Martins na Revista Electrónica de Estudios Internacionales, titulado “La dependencia hídrica de Portugal respecto a España: Cuestiones de política y seguridad”, chamaba a atención sobre a necesidade portuguesa de considerar as cuestións referentes á sostibilidade hídrica nacional como un elemento esencial para o mantemento da soberanía así como da eficacia da política demográfica, da actividade económica e da propia seguridade. Non descartaban a hipótese de que o Estado español pretendese aumentar o poder sobre Portugal, vendo o xeito de como aquel manexaba internamente os recursos das súas comunidades autónomas. Partindo, ademáis, da tendencia cara ao incremento da dependencia hídrica portuguesa respecto de España, e do risco de ficar refén das posicións desta última, contemplaban un posíbel escenario de relacións competitivas e hostís que precisarían abordarse coma un tema de seguridade nacional.

O acontecido este verán confirmaba os temores desa relación. No autosecuestro informativo, produto da vaga chovinista e patrioteira hispana, pasouse por alto o malestar e as protestas das poboacións dos distritos de Portoalegre e de Castelo Branco e a denuncia do Movimento Pelo Tejo (proTejo) perante a desfeita económica e ambiental provocada pola actuación da Confederación Hidrográfica del Tajo. Resulta que durante todo o ano só se estaba enviando a Portugal a auga xusta para respectar o caudal ecolóxico do río, moi por debaixo do volume acordado no Convenio de Albufeira. Como chegaba a data do prazo anual sen cumprir co caudal acordado, soltouse en poucos días toda a auga adebedada, nunha riada descontrolada imposíbel de aproveitar que rematou no mar consolidando a seca. Algunha nova salientou que España deixaba sen auga á rexión máis pobre de Portugal, desencadeando entre os lectores mais indignación co xornalista que con España.

A situación de deterioro ambiental que vive o noso mundo é resultado dunha razón instrumental ao servizo da acumulación dunha minoría que cada vez concentra máis poder e riqueza, posuidores dos medios lexislativos, institucionais e represivos para un xigantesco enclosure do común capaz de destrozar masivamente os vínculos comunitarios e o equilibrio natural e de cuxas consecuencias procuran blindarse en privilexiadas fortalezas. Nacións Unidas sinala que a auga representa un medio fundamental para afrontar as grandes crises globais (sanitaria, alimentar, enérxetica ou climática); porén, para dar un xiro nas política públicas relacionadas coa auga e o territorio, cómpre recuperar soberanía para conquistar a capacidade de decidir con racionalidade, equidade, transparencia e participación social. Na nosa terra só temos competencias sobre unha demarcación hidrográfica, a de Galicia-Costa, das catro que inciden sobre a meirande parte do noso territorio e cuxa xestión e planificación corresponde integramente ao Reino. Temos algo máis de trinta mil nucleos de poboación, case que a metade de todo o estado, o que engade unha complexidade especial ao tema; hai dous anos padecimos unha importante seca e as irregularidades poden ir en aumento. Soberanía non é unha expresión baleira!