Marzo de 2017, eis a data da ilusión, da esperanza para millóns de cataláns que non puideron expresar a súa opinión por mor da intolerancia e do despotismo.

Marzo de 2017, eis a data da ilusión, da esperanza para millóns de cataláns que non puideron expresar a súa opinión por mor da intolerancia e do despotismo. O que tanto se empeñan en chamar a festa da democracia, o exercicio do voto, non gosta se os protagonistas queren mudar o estado de cousas dominante, é dicir, a súa situación de dependencia e dominación. Anuncio dunha declaración unilateral de independencia após a comprobación de que o electorado apoia maioritariamente ás forzas que procuraron un referendo que foi  prohibido, unha consulta sobre o destino dun pobo que se sabe nación. Non, non se está a facilitar outra opción.

"O artigo 155º do texto constitucional está para nos lembrar que vivimos de prestado, que a nosa terra non é nosa, que nunca poderemos ser ou ter alén do que nos permitan".

Os acontecementos que se vaian sucedendo até esa data non son facilmente predecibeis. Están por vir dous procesos electorais, o catalán e o español, cuxos resultados van incidir decisivamente no camiño encetado. Agora ben, o que semella fóra de dúbida é a belixerancia coa que o Estado vai respostar á decisión soberanista no caso de que as forzas catalanas atinxan maioría suficiente no parlamento autonómico. A batalla mediática, a descalificación, a procura de deslixitimación vai ser dunha contundencia extrema. Vaise orquestrar todo un abrollo dos sentimentos máis ranciamente españolistas baixo a apariencia de que os agraviados son todos os españois e os agresores, os desafiantes, os intolerantes son os nacionalistas cataláns. A seguir virán os chamamentos a restaurar a legalidade, a orde, a convivencia, a aplicar o artigo 155º do texto constitucional e a adoptar medidas contra os sediciosos. Xa o comentamos máis dunha vez; o devandito artigo está para nos lembrar que vivimos de prestado, que a nosa terra non é nosa, que nunca poderemos ser ou ter alén do que nos permitan. Que noutros lares se permite? Non importa, en España só hai unha nación como xa comprobou o maxistrado Santiago Vidal por atreverse a colaborar na redacción dunha futura constitución catalana.

Que dicir deste nova fase de rexeneracionismo español que se está a producir? O entusiasmo co que se está celebrar o fin do bipartidismo para dar paso ao cuatripartidismo, con dúas novas forzas irrompendo no panorama politico, non parece que vaia ser correspondido cunha solución ás arelas dos pobos do Estado. Resulta curioso observar como os medios españois máis civilizados saúdan a Ciudadanos -que se caracteriza por un ultraliberalismo social e económico e por un anticatalanismo e centralismo enfermizos- así como os medios máis conservadores apluden a posibilidade de que Podemos –para quen as identidades oprimidas teñen o mesmo tratamento que as opresoras- sustraia votos ás organizacións nacionalistas. En absoluto; este Estado ten un enorme déficit democrático e xamáis o corrixirá sen que os pobos que o conforman poida decidir libremente o seu futuro.

"Este Estado ten un enorme déficit democrático e xamáis o corrixirá sen que os pobos que o conforman poida decidir libremente o seu futuro".

O noso pobo é feble no artellamento político do nacionalismo. Non fumos quen de construir, como en Catalunya e Euskadi, unha estrutura xurídico-política e administrativa desde a que poder respostar máis eficazmente e resistir os embates do nacionalismo español. O porqué desta situación seguramente ten moitos enfoques e matices explicativos que, evidentemente non corresponden a este artigo. O si que creo é que a constatación dunha realidade adversa nos debe levar a mudar posturas perante unha situación que se aveciña complexa. Aos únicos a quen lles proeu o abrazo entre Artur Mas e David Fernández, das CUP, foi aos españois, como acertadamente me comentaba un bo amigo, Quique Vilarinho. E aquí, que somos máis febles, e asistimos a un esfarelamento, a unha sangría do país deberíamos tomar nota e procurar un entendemento, unha colaboración cordial entre patriotas; si entre patriotas, os que queremos construir unha nación sen exclusións, con xustiza e con igualdade; os que queremos que os nosos bens naturais e culturais se administren desde aquí en beneficio e en mellora da maioría da poboación; os que defendemos o internacionalismo e a solidariedade con todos os pobos do mundo e que non queremos ser fagotizados por ninguén; aos que nos entusiasma a variedade cultural e non nos sentimos estranos en ningures, mais non aceptamos que nos digan cando e como falar. Catalunya ten o seu roteiro, certo, o noso depende exclusivamente de nós.