Témonos referido, en varias ocasións, á hipocresía e ao cinismo daqueles grupos que, falseando e envorcando indecorosamente a realidade, non só negan unha historia de persecución e submetemento da nosa lingua senón que teñen a desfachatez de recorrer á burda manipulación co tema da imposición. Que a finalidade da montaxe consiste, precisamente, en afianzar a supremacía do castelán e en situar ao galego nunha posición de irrelevancia desvélase nidiamente cando estes grupos agachan a descarada e ostentosa protección estatal, así coma os exhorbitantes privilexios xurídicos, que converten á primeira nunha lingua, ademais de dominante, en lingua de dominación. Porque de haber unha lingua con dereitos esta é, sen dúbida, a castelá. Mais, sabendo que a honestidade e a decencia non adoitan ser fasquía de quen pretende a imposición, hai algo nesta guerra do nacionalismo etnicista e identitario español que provoca algo máis que certo proído moral e intelectual. O caso é que, desde a súa impostura, apelan decote aos resortes e principios constitutivos do liberalismo clásico. A liberdade, entendida nun sentido negativo como non interferencia ou non intervención, e máis un individualismo metodolóxico, no que só existen agregados de persoas descontextualizadas e anteriores a calquera pertenza, son a súa carta de presentación nun afán por evitar seren recoñecidos como parte militante ao servizo dun modelo de construción estatal-nacional español agresivo, centralista, uniformizador e intransixente coa existencia de calquera outra realidade cultural e nacional. O constitucionalismo é a tapadeira para desenvolver sen complexos a adscrición a ese seu nacionalismo de corte supremacista.

Amósanse defensores de todo un elenco de recomendacións liberais que, sen embargo, van esencialmente dirixidas aos grupos e culturas minorizadas que, como acontece coas directrices económicas para as periferias, acaban diminuíndo e desposuíndo ás mesmas en proveito do nacionalismo da metrópole. E así, nesta amalgama de aparello de dominación tradicional e de cínica posverdade, ocupa un lugar destacado a defensa da liberdade de elección da lingua, nunha concepción dos dereitos lingüísticos como dereitos exclusivamente individuais tal e como poden ser o dereito á vida, á un proceso xusto ou á liberdade de expresión. Proclaman a neutralidade estatal e a cegueira perante as diferenzas, apostando pola interdición de accións afirmativas ou positivas en defensa das linguas e culturas minorizadas. Afirman que as linguas son exclusivamente instrumentos de comunicación e que nunca deben ser politizados. Sitúan as reclamacións e reivindicacións político culturais dos colectivos minoritarios como demandas ridículas e extravagantes só atribuibeis a caprichos etno-culturalistas. Pois ben, este é o conto liberal adaptado e adoptado por conveniencia; este é o relato ideolóxico co que pretenden que renunciemos á nosa identidade mentres, como acostuma ser habitual, eles se aplican outras receitas pensadas para manter a situación de privilexio. Non entenden a liberdade como ausencia de dominación, senón como a eliminación de obstáculos que dificultan as vantaxes e proveitos que lles proporcionan as situacións de inxustiza e de desigualdade.

A inacción e a desatención que esixen, por parte dos poderes públicos, contra da nosa lingua é un modo de consolidar o statu quo fabricado con todo un enorme arsenal mediático, xurídico, político e xudicial para protexer o predominio do español

Si, o nacionalismo español pide liberdade para poder protexerse e blindarse impunemente, negando o exercicio pleno desa liberdade aos demais. E resulta moi claro que nin pasan por alto, nin fan abstracción, nin prescinden da protección extrema dos trazos da súa cultura nacional porque son conscientes que tanto a autonomía persoal coma o exercicio dos dereitos cobran sentido dentro dun marco e dun contexto social. Saben perfectamente que quen emprega unha lingua dominante, neste caso imposta historicamente e situada legalmente ao máximo nivel, fala e se comunica con normalidade; sen embargo, para aqueles que nos desenvolvemos cheos de atrancos no contexto dunha lingua minorizada a mesma, por desgraza, ten de ser tamén un medio de identificación e de construción. A inacción e a desatención que esixen, por parte dos poderes públicos, contra da nosa lingua é un modo de consolidar o statu quo fabricado con todo un enorme arsenal mediático, xurídico, político e xudicial para protexer o predominio do español. Invocando hipocritamente os dereitos procuran o reforzamento do colectivo lingüístico maioritario no Estado. Continúan a mentir, sen vergoña, co tema da elección individual mesmo chegando a defender o dereito ao descoñecemento da linguas diferentes ao castelán, aínda que isto supoña imposibilitar o desenvolvemento da vida nesas linguas. Non ignoran que calquera comunidade política ten que optar por unha lingua de administración, de atención nos servizos públicos, de vehiculización na aprendizaxe, de etiquetado, de difusión das mensaxes públicas e de comunicación política, entre outras; o que acontece é que xa teñen decidido cal debe ser esa lingua e cal se debe excluir.

Ao final, a razón de ser destes movementos consiste en realizar campañas e actuacións tendentes a fraxilizar e desprestixiar as expresións lingüísticas e culturais non españolas co obxectivo de reforzar e ampliar o, xa de por si enorme, dominio da lingua e cultura española sobre todo o territorio estatal. E, se nos fixamos con atención, o que de verdade alporiza ao nacionalismo español non é que os da periferia reclamemos medios e instrumentos estraños, curiosos ou desorbitados para desenvolver políticas lingüísticas o culturais propias, senón que pretendamos ter e usar os mesmos mecanismos dos que eles dispoñen en abundancia. Teimudos defensores do monopolio, da exclusión, da supremacía e da imposición, vai sendo tempo de lles pedir que se fagan outro disfraz.